As pensións seguen sen sumar

Remata o ano 2019 e as pensións galegas continuarán a ser das máis baixas do Estado. Un dos temas fulcrais para Galiza pola actual situación demográfica quedou aparcado e coa axenda agardando pola configuración do novo Goberno español. CIG, CCOO e UXT urxen medidas que repercutan de inmediato na poboación e recuperen o poder adquisitivo dun sector por veces esquecido.

Pensionistas nun parque (Europa Press)
photo_camera Pensionistas nun parque (Europa Press)

Galiza segue a ter unha das pensións máis baixas do Estado español, só por diante de Estremadura. Segundo cifras de outubro de 2019, a pensión media galega era de 844,03 euros/mes e a Estatal chegaba a 994,02 euros/mes. Non é un dato menor tendo en conta que o número de pensionistas no noso país era ese mesmo mes de 766.309. Remata o ano sen Goberno no Estado e a incerteza sobre o futuro das pensións actuais e as vindeiras medra nos sindicatos e colectivos. O último Consello de Ministros trouxo como promesa un aumento do 0,9 % "cando estea configurado o novo Goberno". A revalorización anual, unha das frontes inmediatas neste tema por estas datas, quedou freada e segue segue sen contentar aos sindicatos "Aínda que decidan que aplican a suba do IPC iso non é abondo para un sistema de pensións digno como debe ter un país como Galiza", asegura a Sermos Galiza Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG, "nós estamos en contra desa reforma e da de 2011", engade.

En outubro de 2019 había 766.309 pensionistas na Galiza 

O secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados (FPX-CCOO), Carlos Mella, asegura a Sermos que "temos moitas dúbidas, deberiamos falar do IPC real pensando tamén nas pensións futuras". Polo seu lado Valentín Tato, secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UXT na Galiza, cre que a revalorización debería ser “automática co IPC” apostando pola recuperación "do consenso do Pacto de Toledo" cunha "blindaxe na propia Constitución" para non ter máis situacións deste tipo. Tato sinala a Sermos Galiza que ademais do IPC as pensións deberían recuperar o que perderon e propón unha suba maior até acadar unha igualdade co resto do Estado. "O sistema de pensións é a columna básica para contribuír no reparto máis xusto da riqueza na Galiza tendo en conta as pensións máis baixas que temos", engade Tato.

As pensións futuras

 

Se remata o ano sen a revalorización das pensións de cara 2020 o seu futuro tal e como coñecemos agora aínda semella un problema maior. O financiamento do sistema público de pensións tivo até agora como referente o Fondo de Reserva da Seguridade Social (FRSS), máis coñecido como o ‘peto das pensións’, que está a chegar ao seu límite. O FRSS creouse en 1997, pero foi en 2000 cando recibiu a primeira achega. Ano a ano viñéronse aumentando os fondos até chegar a 66.815 millóns de euros en 2011. Após comunicar o Goberno español en funcións que empregaría  3.500 millóns de euros desta reserva para o pago da extra de Nadal, a reserva, que chegou a ter en 2011 a cantidade de 67.000 millóns de euros, queda en 1.500 millóns para 2020. Aos sindicatos non lles serven as propostas que veñen a dicir que hai que contar con plans de pensións privados. "Xa me explicarán como se pode ter unha pensión privada con 600 euros, eu non sei como facelo", afirma Carlos Mella.  En CCOO cren que hai que apostar máis polas inspeccións de traballo e investir máis en seguridade social, por exemplo.

CIG propón que se fixe as pensións como mínimo en igualdade co salario mínimo interprofesional

En CIG levan tempo presentando unha táboa reivindicativa. "Para que haxa un sistema de pensións digno ten que haber un mercado laboral forte, contratos estábeis, con salarios dignos, que faga que as cotizacións sexan abondo para que as pensións estean garantidas tanto as de agora como as futuras", explica a Sermos Susana Méndez, "se o mercado laboral fose forte, o sistema de pensións público estaría garantido". Desde a central nacionalista propoñen que se fixe as pensións como mínimo en igualdade co salario mínimo interprofesional "que ten que ser 60% do salario medio como indica a carta social europea", explica Méndez, "volver á xubilación ordinaria aos 65 anos e a derrogacións das reformas", engade.

2020 ano crucial

 

Os sindicatos lembran que está activa a 'medida sustentábel' , aprazada a súa posta en marcha até 2023, que quere ligar as pensións á esperanza de vida. "É imprescindíbel a súa supresión", sinala Susana Méndez desde CIG, "non podemos estar con esta espada enriba de nós".

Na análise de situación na Galiza converxen os problemas actuais cos futuros. Carlos Mella relata a situación desde Ferrol e a súa comarca, unha zona con graves problemas de desemprego. "A xente nova que se xubilará en dous anos terá pensións moi precarias", explica. Ningún dos sindicatos consultados descarta seguir coa presión diante do futuro goberno para que non aprace máis as medidas necesarias que poñan fin a unha incerteza que pon en perigo unha das trabes do noso sistema. 

Comentarios