O IPC aumenta na Galiza por riba da media estatal

Funcas prevé que a inflación supere 4% nos últimos meses do ano á espera de comprobar a evolución dos prezos de enerxía e carburantes.
O prezo dos carburántes impulsou a suba do IPC en agosto (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
photo_camera O prezo dos carburantes impulsou a suba do IPC en agosto (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).

Galiza fechou o mes de agosto cun incremento nos prezos de 3,9% respecto ao mesmo período do ano anterior, un alza superior á rexistrado no conxunto de territorios do Estado español (3,3%), segundo os datos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). De feito é, após Castela-A Mancha (4%), a maior suba estatal en termos interanuais. 

Detrás deste incremento está o aumento do prezo da enerxía e dos carburantes, pois o capítulo de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis rexistrou un alza de 13,7% con respecto aos datos de 2020.

Houbo aumento de prezos en  case que todas as categorías: transporte (+0,2%), sanidade (2,2%) ensino (+1,5%), restaurantes e hoteis (+1,4%), vestido e o calzado (+1,2%), alimentos e bebidas non alcohólicas (+0,8%) e os móbeis, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar. Tan só, marcaron descensos as comunicacións (-3,1%), bebidas alcohólicas e tabaco (-0,7%), e lecer e cultura (-0,4%).

En relación ao mes anterior, o IPC variou en agosto 0,58% na Galiza, sumando así o sexto mes consecutivo á alza.  A vivenda e as subministracións volveron presentar as maiores subas (+2,4%) en taxa mensual, seguidas polos restaurantes e hoteis (+0,9%) e o lecer e a cultura (0,7%).

No que vai de ano, a vivenda, as subministracións e os combustíbeis rexistraron o maior aumento (+11,5%), xunto ao transporte (+8,6%), os alimentos e bebidas non alcohólicas (+2,9%) e a sanidade (+2%). Así, todos os produtos e servizos recolleitos polo INE incrementaron o seu custo nos oito primeiros meses de 2021, a excepción do vestido e o calzado, que caeu 16,3%.

Por riba de 4%

Segundo apuntaron esta terza desde a Fundación das Caixas de Aforro (Funcas), a inflación podería chegar a superar a nivel estatal 4% nos próximos dous meses para logo descender até 3,9% no último mes do ano, cinco décimas por riba da súa anterior previsión.

Se o prezo da electricidade non descendese e se mantivese estábel, do mesmo modo que o petróleo, Funcas calcula que a taxa interanual de decembro sería de 4,5%, cunha media anual do 2,8%. Para 2022, as devanditas taxas situaríanse en 1,6% e 2,7%, respectivamente.

Comentarios