Sitúase por riba da media estatal

A inflación na Galiza dispárase a 5,7%, o maior rexistro desde 1992

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) continúa coa súa escalada en outubro na Galiza e dispárase un 5,7% en relación ao mesmo mes do ano anterior, por riba da media estatal (+5,4%).

O prezo das froitas rexistrou unha importante alza durante este ano. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo das froitas rexistrou unha importante alza durante este ano. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) continúa coa súa escalada en outubro en Galicia e dispárase un 5,7% en relación ao mesmo mes do ano anterior, por riba da media estatal (+5,4%), segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta maneira, a inflación galega chega a niveis de incremento que non se rexistraban desde comezos de 1992, xa que en xullo de 2008 tan só se chegou ao 5,6%, por baixo da actual cifra.

A subida interanual na Galiza é a quinta maior entre comunidades, que encabeza Castela-A Mancha (+6,5%), seguida de Castela e León (+6,1%).

En comparación con setembro, o incremento do IPC galego é do 1,8%. Pola súa banda, no acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e outubro, o repunte sitúase no 5,2%.

Por grupos de consumo, o maior encarecemento interanual segue provocado polo aumento do prezo a electricidade, así como do gas e gasóleo para calefacción, que se agrupan no epígrafe de vivenda (+24,2%). Séguelles o transporte (+12,5%).

A máis distancia atópanse repuntes como os de hoteis, cafés e restaurantes (+2,5)%. Tan só baixan as comunicacións (-0,5%).

Na comparación mensual con outubro, vestido e calzado experimentan o aumento máis acusado (+12,5). A segunda maior subida é a de vivenda (electricidade e combustíbeis) un 4,6%. No outro extremo, só baixan comunicacións (-0,7%) e medicina (-0,3%).

Diminúe a calidade de vida

A noticia chega un día despois de coñecerse que a calidade de vida empeorou na Galiza en 2020 en comparación con 2019, segundo a estatística experimental que publicou o INE e que se basea nun total de nove dimensións -que agrupan 55 indicadores-.

Este Indicador Multidimensional de Calidade de Vida (IMCV) informou de que a Galiza baixou a 100,370 puntos en función das diferentes variábeis, menos que os 100,450 puntos do anterior ano.

Ademais, atópase por baixo da media estatal (101,71 puntos), que tamén sofre un retroceso fronte aos 102,06 puntos de 2019.

Desta maneira, rompe con cinco anos consecutivos de subida na Galiza, entre 2015 e 2019. A última caída neste indicador produciuse en 2014.

Comentarios