A Galiza busca manter o gasóleo bonificado

A flota galega incorrería en perdas se prospera a proposta de Bruxelas de subir a presión fiscal do combustíbel, desvela un estudo do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela.
O prezo do combustíbel condiciona o futuro da frota galega. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O prezo do combustíbel condiciona o futuro da frota galega. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A suba na presión fiscal do combustíbel profesional da pesca que propoñen a Organización Mundial do Comercio (OMC) e a Comisión Europea pode pór en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego.

Así se desprende dun estudo elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que onte empregou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, para facerlle ver ao representante permanente da Unión Europea na OMC, a preocupación do Executivo galego ante o impacto que poden ter no sector pesqueiro as distintas propostas para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustíbeis da frota.

O documento dá conta do peso que ten o combustíbel na actividade das distintas frotas, que varía entre 20% no da pesca de baixura e 44% no do arrastre, sendo a media de 30%, ao tempo que advirte de que a supresión desas rebaixas fiscais provocaría que boa parte da frota galega deixase de ser rendíbel.

En relación ao peor dos escenarios, o documento destaca que incluso no segmento de frota que menor impacto rexistraría, o de artes menores, o beneficio anual, duns 15.700 euros, quedaría por baixo do salario medio bruto da Galiza (de preto de 22.200 euros). As frotas máis afectadas serían a de arrastre e palangre de altura e grande altura, que entrarían en perdas estruturais.

Segundo lle trasladou Quintana a Joao Aguiar, unha maior presión fiscal sobre o combustíbel na pesca provocaría o abandono da actividade, o seu desenvolvemento en zonas máis próximas á costa ou a redución da velocidade para consumir menos carburante, o que alongaría o tempo de chegada a porto e reduciría a frescura do peixe e o seu valor.

A conselleira tamén expuxo que, no eido xurídico, o informe incide na necesidade de que a fiscalidade dos combustíbeis teña en conta a finalidade para a que son empregados, neste caso subministrar alimentos nutritivos cunha baixa pegada de carbono para a súa obtención.

Por último, a titular de Mar pediu ás autoridades ter en conta que polo momento non hai combustíbeis alternativos para substituír o gasóleo que garantan unha maior protección do medio ambiente e permitan o desenvolvemento da pesca en condicións de rendibilidade.

Comentarios