O sector aproba a proposta de Bruxelas de eliminar o IVE dos produtos do mar

A Comisión Europea abre a porta a reducir e mesmo eliminar o imposto do valor engadido (IVE) a produtos como o peixe, aínda que a decisión final corresponde ao Estado español.
A redución ou mesmo a supresión do IVE para os produtos pesqueiros é unha vella demanda dos pescadores galegos (Foto: OPAGAC).
photo_camera A redución ou mesmo a supresión do IVE para os produtos pesqueiros é unha vella demanda dos pescadores galegos (Foto: OPAGAC).

O sector pesqueiro galego comezou o ano con preocupación polo seu futuro. A redución dos totais admisíbeis de capturas, sumado ao incremento dos custos da propia actividade, principalmente pola suba dos carburantes, anticipan un exercicio con menores marxes para os profesionais que traballan no mar. 

Porén, a Comisión Europea trouxo boas novas en forma de rebaixas fiscais, ao abrir a porta a que os produtos do mar poidan ver reducido o imposto sobre o valor engadido (IVE) a 0% por tratarse de alimentos saudábeis.

Con todo, as normas actualizadas teñen que pasar aínda polo Parlamento Europeo. Será no primeiro trimestre deste ano e, unha vez adoptada polos Estados membros, a lexislación entrará en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea.

Este cambio na directiva foi moi ben acollido polo sector. En declaracións a Nós Diario, o secretario xeral de Pescagalicia, Torcuato Teixeira, recoñece que esta medida pode axudar a aumentar o consumo de peixe e facilitar así que a poboación "teña acceso a unha proteína animal das que menos pegada de carbono ten á hora de producila a través dun alimento moi nutritivo". 

Decisión estatal 

O feito de ser un alimento saudábel e sostíbel é precisamente o que lle deu a posibilidade de figurar na listaxe de produtos para os que Bruxelas propón un tipo máis reducido que o xeral. 

Neste senso, a decisión final será dos Estados membros, polo que desde o sector dubidan en que se elimine por completo. "O ideal sería iso, pero polo menos deberiamos ter equiparación con outros produtos alimentarios, como o leite ou o pan, que teñen un IVE reducido. Entendemos que o peixe tamén debería estar aí", apunta Teixeira.

Na mesma liña, Andrés García, portavoz da Asociación de Armadores do Cerco (Acerga) sinala a este xornal que "despois de tantos anos loitando por un IVE reducido, que o supriman parece aínda máis adecuado". 

García coincide en que a variación do tipo impositivo contribuiría a incrementar o consumo de peixe "agora que estaba baixando" e tamén a mitigar os efectos que as novas restricións de capturas poidan ter na flota galega. "Toda axuda que veña, nos tempos que estamos e coa redución de cotas, sempre é benvida", incide o responsábel de Acerga.

Debate parlamentario

O que aconteza finalmente con este imposto vai depender, pois, do que se debata no Congreso das e dos Deputadas. 

A este respecto, o BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa para que o Goberno estatal aplique o IVE superreducido de 4% aos produtos pesqueiros, o que contribuiría ao desenvolvemento económico de territorios dependentes da pesca como a Galiza, sosteñen no Bloque.

Porén, hai varios obstáculos no camiño. Por unha parte, a propia Comisión Europea suxeriu recentemente suprimir os tipos superreducidos do IVE e baixar o tipo xeral. Por outra, o Goberno español recolle o aviso de Bruxelas e estudará a suba destes tipos, o que lle permitiría recadar até 18.000 millóns de euros máis. 

Comentarios