A frota galega perderá 93 millóns de euros en 2022 coas novas cotas

A Unión Europea acorda co Reino Unido recortar as capturas de pescada e subir as de peixe sapo e rapante.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela, o pasado mes de abril (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os 27 estados que conforman a Unión Europea (UE) aprobaron nesta cuarta feira o acordo alcanzado entre o organismo comunitario e o Reino Unido en relación ás posibilidades de pesca da frota europea no Atlántico e o mar do Norte de cara a 2022.

En consecuencia, para a pescada acórdase unha redución dos totais admisíbeis de capturas (TAC) de 20%, rebaixa inferior á proposta pola comunidade científica, mais dentro dos parámetros de sostibilidade.

No que atinxe ao rapante, prodúcense subas de até 7% nas cotas, en función dos caladoiros, así como para o peixe sapo, cun incremento de até 8% no Gran Sol, agás o oeste de Escocia.

Fican inamovíbeis os TAC das especies de augas profundas —ollomol e castañeta, principalmente—, e no caso do bacallau para o stock do oeste de Escocia. Con todo, no mar Céltico redúcese en 20%, mais en ambos os casos estímase que o Estado español pode adquirir polos mecanismos existentes de bolsas e intercambios máis exemplares que serán "suficientes" para cubrir os niveis de captura anuais da súa frota.

Algunhas especies como o xurelo do Cantábrico fíxanse tamén neste acordo, ao formar parte dunha poboación biolóxica máis ampla que inclúe augas baixo a xurisdición do Reino Unido, onde o resultado é unha diminución de 12,6% dos TAC.

O ministro de Pesca, Luis Planas, afirmou que o pacto "dotará de estabilidade a frota estatal para poder planificar a súa actividade", unha visión moi diferente á da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que falou dun acordo "negativo" e cifrou en 93 millóns de euros as perdas que ocasionará á Galiza, dos cales perto de 38 millóns correspóndense coa caída da facturación da frota.

Tamén desde o propio sector pesqueiro cualifican de "nefasta" a "baixada moi importante" que sofre a Galiza.

presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, recoñecía recentemente a Nós Diario que "todo o que sexa perder cota significa perder riqueza e emprego", tal e como ocorre coa pescada en augas ibéricas e co mantemento o feche do lagostino.

Comentarios