martes 07/12/21

Galiza aspira a contar cun centro de desenvolvemento de fármacos

O delegado do Goberno na Galiza confía en que a Fundación Kaertor acade financiamento europeo para este proxecto
O delegado do Goberno, José Miñones, e o reitor da USC, Antonio López, durante a visita ás instalacións do CiMUS (Foto: USC)
O delegado do Goberno, José Miñones, e o reitor da USC, Antonio López, durante a visita ás instalacións do CiMUS (Foto: USC)

Os doutores Ángel Carracedo e Mabel Loza son dous referentes na investigación médica na Galiza. Agora, a través da Fundación Kaertor e en colaboración con grupos de investigación doutros territorios, aspiran a crear un centro de desenvolvemento de fármacos na Galiza.

Así o avanzou o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, que nesta terza feira aproveitou unha visita ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Compostela para anunciar que este é un dos proxectos que confía en que poidan obter fondos do programa Next Generation da UE.

Miñones, que é profesor de Química Física na USC, estivo acompañado na súa visita polo reitor da institución académica, Antonio López, quen lle agradeceu que acudise á que precisamente é "a súa casa".

"Estamos encantados de ter a ocasión de que veñan á universidade os responsábeis das decisións que se toman no ámbito político", engadiu o reitor compostelán. 

Así, con este percorrido polas instalacións do CiMUS, o reitor quíxolle mostrar ao delegado do Goberno español na Galiza "o moito e moi importante que se fai" neste centro en materia de investigación. Nas súas palabras, é un "centro de referencia" en asuntos relacionados coa biomedicina e o descubrimento de fármacos.

Ademais, López trasladoulle a súa satisfacción polos "bos resultados" das investigadoras do CiMUS en convocatorias a nivel estatal dadas a coñecer nos últimos días, con 12 proxectos deste centro seleccionados.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

De conseguirse este novo centro, a Galiza daría un paso de xigante na industria farmacéutica, na que xa é referente a nivel internacional no campo da investigación, mais depende de terceiros para levar as innovacións ao mercado.

Galiza aspira a contar cun centro de desenvolvemento de fármacos
comentarios