A frota reprocha á UE que non discuta as súas problemáticas

O cumio de Pesca na Galiza céntrase na descarbonización do sector.
Ministros e ministras de Pesca da UE, na súa chegada esta segunda feira á recepción no Pazo de Castrelos, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Ministros e ministras de Pesca da UE, na súa chegada esta segunda feira á recepción no Pazo de Castrelos, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A descarbonización da frota pesqueira e do sector acuícola centra o cumio informal de Pesca que decorre nas xornadas destas segunda e terza feira en Vigo. O comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, e os ministros e ministras do Estados debaterán sobre a transición e a renovación cara a unha frota con menor dependencia dos combustíbeis fósiles.

No cumio, liderado polo ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, no marco da Presidencia española do Consello Europeo, presentaranse tamén os avances para aumentar a eficiencia pesqueira na conservación dos ecosistemas. Máis alá da descarbonización, Planas sinalou a importancia de analizar, "desde o porto máis importante da UE [o de Vigo]", cal é "a achega da pesca extractiva para a soberanía e a seguridade alimentaria".

Ao respecto, o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, en declaracións a Nós Diario, móstrase crítico co feito de que a cimeira estea centrada na temática da descarbonización. "A pesar de que se trate esta cuestión [a da descarbonización], trátase dun problema que non vai ser posíbel solucionar até que se investigue que carburantes alternativos imos empregar os barcos de pesca, hoxe non temos outro combustíbel [alén do diésel]", sinala o presidente da federación de confrarías.

"Aínda que se deseñen outros motores habería que ter axudas para facer os barcos algo máis grandes e para infinidade de cambios que se teñen que desenvolver a longo prazo", di. "Hai moitos asuntos pendentes que se deberían tratar nunha reunión como esta, por moito que queiran facer, isto é vender fume, eles teñen a súa axenda mais están a tratar problemas que non son os urxentes neste momento", conclúe.

Marrocos e o Sáhara

Alén doutras cuestións que afectan directamente o sector pesqueiro da Galiza, como o veto á pesca de arrastre en decenas de caladoiros comunitarios ou o impacto da eólica mariña, o presidente da federación de confrarías tamén amosa a súa preocupación pola extinción do acordo pesqueiro bilateral que posibilita as capturas da frota da UE en caladoiros marroquís e saharauís. "Hai barcos do palangre, buques que se adican ao polbo, á palometa e á pescada que traballan nestes caladoiros", sinala Pérez Sieira.

Pola súa parte, o responsábel da CIG-Mar, Xabier Aboi, explica a este xornal que "nos últimos catro anos non houbo ningún barco galego que fora pescar en base ao acordo entre a UE e Marrocos". "É un acordo que beneficia as grandes factorías peláxicas dos Países Baixos e dos Estados bálticos, que esquilman o mar, ademais de ser o máis caro para a UE", adhire.

Pola contra, Aboi sinala que, se a frota galega puidera pescar nas augas do Sáhara Occidental "volvería a riqueza para moitos barcos galegos, chegamos a ter máis de 200 embarcacións alí". Neste sentido, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, instou esta segunda feira a UE a negociar os novos acordos comerciais de pesca coa Fronte Polisario para garantir a actividade pesqueira da frota galega.

Comentarios