Cales son os principais riscos para a economía global?

Os perigos tecnolóxicos e os ambientais lideran a clasificación mundial.
Logo do Foro Económico Mundial. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Logo do Foro Económico Mundial. (Foto: Nós Diario)

A inflación e a recesión económica supoñen os dous principais riscos globais de índole económica a curto prazo, segundo o informe anual elaborado polo Foro Económico Mundial (WEF, polas súas siglas en inglés) en colaboración con Zurich Insurance Group e Marsh McLennan, publicado nesta cuarta feira. 

O estudo, que recolle as opinións de máis de 1.400 persoas expertas en riscos globais e responsábeis políticas, enquisadas en setembro de 2023, evidencia unha visión predominantemente negativa do mundo a curto prazo, que se prevé que empeore co tempo. 

De tal maneira, o 30% das expertas mundiais consideran que, nos próximos dous anos, a probabilidade de que se produzan catástrofes globais será maior, e perto de dous terzos agardan que isto aconteza ao longo da próxima década. 

Ránking de riscos globais

Na edición de 2024, os principais riscos globais a curto prazo identificados son de carácter tecnolóxico, no caso da desinformación; ambientais, como fenómenos climáticos extremos; e sociais, no caso da polarización social. Á súa vez, en cuarto lugar sitúase a inseguridade cibernética, por diante do risco dun conflito armado e da falta de oportunidades económicas. 

Así, as maiores ameazas de índole económica sinaladas no informe ocupan o sétimo lugar no caso da inflación e o noveno, no da recesión económica, mentres que un risco social como a migración involuntaria figura en oitavo lugar e a contaminación, en décima posición.

"Os próximos anos estarán marcados pola persistente incerteza económica e as crecentes fendas económicas e tecnolóxicas", apuntan as autoras do estudo do WEF.

Comentarios