Abanca vende a súa parte e a multinacional Globalvia faise coa AP-9 e outras 3 autoestradas galegas

A AP-9, a AG-57 (Puxeiros-Val Miñor), a AG-55 (A Coruña-Carballo) e a AP-53 (Santiago-Dozón) pasan a ser controladas por un emporio das pensións privadas, fondos en concreto do Reino Unido, Holanda e Canadá. Globalvia inviste 723 millones na adquisición do 55,6 % de Itínere. A operación —acordada con Abanca, que vende o seu 23,81 por cento— realízase en pleno debate sobre a transferencia da AP-9 a Galiza, vetada en reiteradas ocasións polo Goberno Raxoi e pendente agora de discusión parlamentar no Congreso dos Deputados.

ponte de rande AP9
photo_camera A Ponte de Rande, tramo da AP-9

A compra de 55,6 por cento de Itinere foi selada en 723 millones de euros, após ter sido valorada a compañía —que ten concesións sobre 600 quilómetros de autoestradas no norte do estado español— nun total de 1.300 millóns de euros.

Globalvia faise con este paquete de accións —que lle garanten o control da empresa— nun acordo a tres bandas: con Abanca (dona até agora de 23,81 por cento de Itínere), Sacyr (11,51 por cento) e Kutxabank (16,30%). Os outros dous accionistas de Itínere —Liberbank, 5,8 por cento; Corsair, 37,9 por cento— non deron a súa aprobación á venda. A operación, pendente de autorización pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, foi comunicada por Sacyr como feito relevante á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Con esta adquisición, Globalvia engrosaría a súa carteira de activos e pasaría a ter, en 8 países diferentes, 7 concesións ferroviarias e 25 autoestradas.

A xoia da coroa de Itínere é a AP-9, a autoestrada cuxa transferencia demandan todas as forzas políticas con representación no Parlamento da Galiza (aínda que o PP, nun calculado duplo xogo, interpuxo despois un veto desde o Goberno de Madrid, agora en mans do PSOE).

No pasado exercicio, a AP-9 facturou 140 millóns de euros (44 millóns de beneficio neto).

Comentarios