O Estado recupera 30% dos fondos Covid asignados á Galiza por falta de execución

A Xunta só executou 166 dos 234,4 millóns de euros recibidos para apoiar os sectores máis afectados pola Covid.
Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en xuño de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en xuño de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou esta cuarta feira que a Xunta executou en seis meses algo máis de 70% dos 234,4 millóns de euros —uns 166 millóns— dos fondos que o Estado transferiu á Galiza para dar apoio aos sectores afectados pola Covid-19, que xestionou a través dos terceiros e cuartos plans de rescate.

Así o notificou en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do PPdeG José Manuel Balseiro no pleno da Cámara galega, no que sostivo que o deseño por parte do Estado duns requisitos "difíciles de cumprir" e cunha "sobrecarga burocrática" no procedemento ocasionou que só se reciban 15.061 solicitudes e quedase sen executar 30% dos fondos.

Neste senso, apuntou que, pola contra, os dous primeiros plans de rescate que o Goberno galego puxo en marcha con fondos propios, con "requisitos deseñados no seo do diálogo social", permitiron que o tecido empresarial galego recibise en apenas catro meses 182 millóns, "practicamente 100% da contía orzada" a través da tramitación de 80.000 solicitudes.

A Xunta culpa o Estado de fixar uns requisitos "difíciles de cumprir" e unha "sobrecarga burocrática excesiva"

Ademais, a conselleira explicou que a pasada semana remitiu senllas cartas á vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, nas que solicitaba a reatribución á Galiza dos case 70 millóns de euros que quedan sen executar destes fondos, para que poidan ser destinados na súa totalidade ao tecido produtivo galego en 2022 cuns requisitos que se axusten "o máximo posíbel" á realidade empresarial do país.

"Se extrapolamos os datos da Galiza, que presenta un dos mellores rexistros de execución destes fondos, ao conxunto do Estado, resulta que o Ministerio de Facenda vai recuperar uns 2.000 millóns dos 5.000 que destinou aos territorios peninsulares", sinalou.

Ademais, chamou a atención sobre o feito de que o país poida verse na obriga de devolver case 70 millóns ao Estado a pesar de que os solicitantes que pediron axudas acreditaron débedas por valor de máis de 2.000 millóns de euros, o que confirma a necesidade de dispoñer da totalidade dos fondos.

Comentarios