A Galiza, a piques de levar o Estado ante a Xustiza polos fondos de emprego

A Xunta recorrerá ante o Tribunal Supremo se o Goberno estatal non dá resposta ao seu requirimento en relación á repartición dos fondos de emprego, malia que Feixoo insiste en que non pretende "boicotear" os fondos europeos.
Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa (Foto: Arxina).

A Galiza está ás portas de acudir á vía xudicial logo de expirar o prazo dun mes dado no requirimento formulado ao Goberno estatal en relación á repartición dos fondos de emprego. Así o ratificou esta segunda feira a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na mesma xornada na que o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, rexeitou que a Xunta participe "nun boicot contra a repartición dos fondos europeos".

"O importante é mandar unha mensaxe de que os fondos non se poden repartir de forma discrecional", esgrimiu, en declaracións aos medios, nun acto en Salvaterra no que defendeu que "non se está a paralizar ningún tipo de fondo europeo".

Os fondos aos que se refire o requirimento da Xunta, dixo, atinxen ás políticas activas de emprego, "que recibimos antes dos Next Generation e que seguiremos recibindo despois", afirmou. "Do que se trata é de que os fondos en materia de emprego se repartan como nos últimos anos, cun criterio, e non sacando convocatorias específicas que beneficien a territorios específicos mentres se detrae ese diñeiro do conxunto da convocatoria estatal", remarcou.

Ao tempo, lamentou "que se tente trasladar a idea" de que "se están boicoteando fondos europeos". De feito, asegurou, o que a Xunta pretende é que os fondos, "quer europeos quer estatais, sexan xestionados con rigor, en concorrencia competitiva e de acordo co sistema de financiamento dos territorios".

Con todo, alertou de que "é a primeira vez" na que "unha parte dos fondos de políticas activas de emprego queda no Ministerio para que os xestione" a pesar de tratarse dunha competencia galega. "Esa é a primeira irregularidade", advertiu.

A UE decidirá se hai repartición discrecional

A "segunda" irregularidade, segundo Núñez Feixoo, é que "se saca unha porción de diñeiro que non é importante desde o punto de vista cuantitativo, mais si moi importante como precedente, en beneficio de tres ou catro territorios", mentres o resto non poden "concorrer". Por iso,  insistiu en que o Goberno galego optou por impulsar o requirimento previo á vía xudicial, á espera de ver que responde ou se o fai o Executivo estatal.

"Pero que quede claro que isto non ten nada que ver con boicotear a repartición de fondos europeos. O que se tenta é que, cando se repartan, se faga cun criterio obxectivo. Se non, o que terá un problema coa UE será o Goberno estatal, porque a UE levantará unha acta sobre unha repartición incorrecta e discrecional dos fondos, cousa que non se pode facer", advertiu.

No caso de non recibir resposta ao citado requerimento, a Xunta presentaría un recurso ante o Tribunal Supremo, malia que dará unha "marxe" para obter unha contestación oficial.

Comentarios