Dúas propostas diferentes de financiamento, dous modelos de entender a Galiza

Reformar o actual sistema de financiamento ou pular por un outro modelo diferente. A cortina de fondo do debate na Comisión especial de estudo do novo sistema de financiamento no Parlamento galego evidenciouse na segunda xornada, con modelos diferentes do que debe ser o sistema e, tamén, a Galiza. 
Comisión non permanente especial de estudo
para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da
reforma do sistema de financiamento. Xose Diaz
photo_camera Xosé Díaz, primeiro pola dereita, na comparecencia. (Foto: Arxina)

"Co actual sistema de financiamento Galiza perdeu e politicamente presenta un país incapaz de vivir sen a axuda do Estado", fronte a "o modelo non é un horror, necesitamos reformalo, non rompelo". Estas dúas afirmacións que se evidenciaron onte na Comisión especial sobre financiamento no Parlamento galego representan dous modelos distintos .   

Os especialistas que compareceron onte foron Xosé Díaz, economista e autor da publicación de Sermos Galiza sobre financiamento, As contas que nos contan, e Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante da Galiza no comité de expertos para a reforma do sistema de financiamento. Dúas voces autorizadas que, nas súas respectivas intervencións, coincidiron en cuestións como, por exemplo, a importancia do factor da dispersión para Galiza no novo modelo, mais que representan concepcións distintas. Lago mostrouse partidario de avanzar nunha maior autonomía financeira dos territorios mais baixo a fórmula "colexiada" co Estado. Non se manifestou moi partidario da "descentralización" de impostos como o de sociedades, se ben recoñeceu que en Canadá ou nos Estados Unidos si que se deu ese paso, e durante a súa intervención incidiu en que a "rexionalización" dos tributos deriva, dixo, en "máis problemas que vantaxes".

"Confederal"

O catedrático de Economía Aplicada da Uvigo falou de "problemas de inequidade" do sistema de financiamento referíndose ao "sistema foral" de Euskadi e Nafarroa, do que apuntou que non é propio dun modelo autonómico nin federal, senón "dun sistema confederal".

Unha afirmación que traía a primeiro plano o debate político que se insire no propio debate sobre que financiamento debe defender a Galiza. Xosé Díaz expuxo, nesa liña, ante a Comisión parlamentar a defensa "da plena responsabilidade fiscal para a Galiza". 

Un argumento que asentou sobre dous alicerces: o actual modelo de financiamento resultou prexudicial para o noso país e que un Goberno sen capacidade fiscal non é un Goberno.

Verdadeiro autogoberno

O economista Xosé Díaz, ex deputado nacionalista no Parlamento galego, puxo como exemplo a liquidación dos orzamentos de 2019, que certifican un saldo neto negativo para a Galiza nas súas relacións co Estado de 4.500 millóns de euros. "O Estado recada en impostos en 2019 na Galiza un mínimo de 13.212 millóns de euros mais só reintegra 8.650 millóns”. 

Díaz defendeu que o modelo do "concerto non é un becho raro, responde a unha racionalidade" e contrapuxo a ese modelo a realidade actual galega, onde, dixo, en recursos propios, "menos de 3% dos ingresos non financeiros dos orzamentos da Galiza veñen de recursos propios". É dicir, o Goberno galego non ten competencia "nin capacidade sobre a contía e disposición dos recursos públicos", acrecentou. Así pois, "carece desa autonomía fiscal", base para ter un autogoberno propiamente dito.

Non opina así Santiago Lago, que sinalou que a "extensión do sistema de concertos sería moi negativo para a Galiza". 

Por onde deberían pasar as bazas da Galiza, logo, para un sistema de financiamento que lle favoreza, segundo o representante da Galiza no comité de expertos para a reforma do sistema? Santiago Lago apelou a pelexar por ter maior parte anualmente do fondo interterritorial ("recibimos 50 millóns ao ano e deberiamos recibir 300 millóns"), a aposta por "nivelar "todos os servizos públicos" e a defensa daqueles criterios, sobre todo o de "espallamento" poboacional que nos beneficiarían.

Iso, sen ser óbice, dixo, de poder avanzar en "autonomía financeira" mais sempre en fórmulas "colexiadas" co Estado.

Asimetría

Diferentes foron as propostas defendidas por Xosé Díaz na comisión parlamentar. Explicou que o sistema de financiamento debe de ser "asimétrico", pois asimétrica é a realidade territorial do Estado, e que a Galiza debe avanzar cara á plena responsabilización fiscal.

E en que se traduce isto? O economista e nacionalista foi debullándoo: dotar de ferramentas e medidas Galiza para que o Goberno galego poida ter unha política fiscal, introducir os cambios necesarios para que tributen aquí todas as actividades desenvolvidas na Galiza ou crear unha axencia tributaria galega con competencias reais. 

A Comisión segue hoxe, con Diego Martínez López, responsábel de Financiamento dos territorios no Goberno estatal, así como Valdês Paços, profesor de Economía Aplicada da USC.

Comentarios