Desaceleración da economía galega: o PIB da Galiza aumenta 7 décimas por baixo da media do Estado

Esta é unha das cifras que amosa o Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galiza presentado esta segunda feira en Compostela polos seus autores: Santiago Lago, Patricio Sánchez, Francisco J. Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe.
guindastres Ferrol
photo_camera Guindastres no Porto de Ferrol (Foto: Europa Press)

O crecemento anual da economía galega sitúase en 1,8%, sete décimas inferior á media estatal, e catro décimas con respecto á UE. En liña co conxunto dos países da nosa contorna, a ralentización do ritmo de crecemento caracteriza a evolución da economía galega. Porén, acredita taxas de variación interanuais superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal.

Estes son algúns dos datos do Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galiza presentado esta segunda feira en Compostela polos seus autores: Santiago Lago, Patricio Sánchez, Francisco J. Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe.

Entre as principais economías da zona euro, indica, o Estado español presenta as maiores taxas de crecemento interanual, con 2,2%, o que contrasta coa contracción experimentada en Alemaña.

O crecemento do PIB real na Galiza caracterízase por unha achega positiva da demanda externa -dun punto fronte as oito décimas da demanda interna- o que contrasta co acontecido na economía española, cunha contribución superior da demanda interna (1,7 puntos).

Esta menor contribución explica o devandito diferencial de crecemento respecto da economía estatal, salientando a significativa ralentización do consumo privado, cunha suba interanual de 0,5%, catro puntos menos que no ano anterior, fronte ao 1,8% estimado no Estado, así́ como a maior contracción do investimento, que diminúe  0,7% na Galiza fronte á caída do 0,5% no Estado.

Desde o punto de vista da oferta, a Galiza presenta unha importante desaceleración do sector terciario, se ben mantense como o sector coa taxa de crecemento interanual máis elevada: 2,3%, oito décimas menos que no Estado. Cómpre salientar o crecemento da industria manufactureira e da construción, cunha medra de 1,7% e 0,8%, respectivamente. Ao igual que no Estado, o sector primario presenta unha contracción aínda que desta volta menos acusada que na media española (-0,9% e -2%, respectivamente).

Un dos principais problemas da economía galega, sinala o estudo, segue a ser a produtividade relativa do tecido produtivo galego en relación á media estatal. A fenda máis ampla prodúcese na industria manufactureira. Por contra, o sector da construción presenta unha produtividade superior á media estatal.

O mercado de traballo galego presenta un balance positivo. Melloran as taxas de actividade e de emprego, reducíndose tanto a taxa de desemprego como a taxa da temporalidade, o cal adoita ser un indicador da mellora da calidade de emprego. Con todo, estes datos han ser matizados novamente tendo en conta que a Galiza mantense entre os territorios con menores taxas de actividade e ocupación.

No perfil do emprego novo salientan as mulleres e os estranxeiros non comunitarios. A meirande parte do emprego creado é emprego asalariado, diminuíndo, pola contra, o número de persoas empresarias empregadoras.

Comentarios