A actividade económica da Galiza modera o crecemento en decembro

O indicador de conxuntura do Foro Económico de Galiza marca 2,9%.
O Porto de Vigo (na imaxe), un dos protagonistas do comercio exterior galego (Foto: Porto de Vigo).
photo_camera O Porto de Vigo (na imaxe), un dos protagonistas do comercio exterior galego (Foto: Porto de Vigo).

Segundo o indicador de conxuntura do Foro Económico de Galicia, a actividade económica galega moderou o seu crecemento en decembro de 2023, marcando unha taxa de 2,9%, unha décima porcentual por baixo do dato do mes anterior. 

Para estimar o estado do ciclo económico, o Foro emprega un índice multifactorial propio que integra series de datos como o consumo de combustíbeis, as exportacións de bens, as vivendas de nova planta a crear, a matriculación de vehículos, o transporte aéreo de viaxeiras, o transporte marítimo de mercadorías, as vivendas compradas, o volume de negocio da industria, o índice de produción industrial, as vendas do comercio polo miúdo, as viaxeiras que acoden a hoteis ou o volume de negocio no sector servizos.

Finalizado o ano, a media do valor ao longo dos 12 meses foi dun incremento de 2,4%.  "Trátase dunha cifra superior ás previsións coas que se comezara 2023, que dá mostra dun comportamento da actividade económica mellor das expectativas", salienta a institución.

"Este comportamento positivo vén motivado por unha evolución salientábel do turismo, así como a recuperación do sector do automóbil. O ano 2023 foi de récord para ambas as dúas ramas de actividades", explica.

Con todo, destaca o Foro, de cara a 2024 "persisten os factores de incerteza económica que veñen caracterizando os últimos meses dentro dun contexto económico internacional con algún síntoma de estancamento, especialmente nalgúns Estados veciños da Unión Europea (UE), como en Alemaña".

Por outra parte, "destaca negativamente a evolución de dúas variábeis con descensos interanuais que se sitúan próximos a 10%. Estas son o transporte marítimo de mercadorías (cargadas e descargadas) e o índice da cifra de negocios nos servizos", engade o documento.

Pola contra, destaca o Foro Económico de Galicia, "despois de seis meses de retroceso, as variábeis referente ao comercio internacional (exportacións e importacións), recuperan o signo positivo".

Comentarios