Galiza rexistra 18 persoas traballadoras de menos de 25 anos por cada 100 en idade de abandonar o mercado laboral

A taxa de substitución no mercado laboral galego, baixo mínimos.

cadena montaxe traballo mikel arrazola
photo_camera Traballadores nunha factoría da industria agroalimentaria (Foto: M. Arrazola)

A Galiza contabiliza menos de 18 traballadores e traballadoras menores de 25 anos por cada 100 persoas en idade de abandonar o mercado laboral, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa Press. En concreto, no mes de febreiro había 17,7 traballadores de menos de 25 anos por cada 100 afiliados á Seguridade Social con máis de 55 anos.

Vigo e A Coruña son as cidades galegas onde mellor taxa de substitución se rexistra, con 18,6 e 18,5, respectivamente. En Compostela, este dato fica nas 13,6 persoas de menos de 25 por cada 100 de máis de 55, mentres que en Lugo é de 16,2.

En total, en febreiro de contabilizaron máis de 1,05 millóns de afiliacións á Seguridade Social na Galiza, 1,7% máis que un ano antes. Deles, 1,03 millóns eran persoas cuxa residencia era nalgún concello galego (+1,6%). Contando o número de persoas, non de afiliacións, había 993.219 persoas afiliadas que residía na Galiza (+1,6%).

Deste total, 5,3% tiña unha nacionalidade estranxeira, coa comarca de Valdeorras, coa maior porcentaxe do país, con 10,4%, seguida da Mariña Central (9,9%) e de Verín, co 9,3%.

O Informe de condicións laborais 2023,é  un estudo da CIG que se suma aos xa realizados con carácter anual coa intención de facer un perfil das traballadoras e dos traballadores da Galiza. Para a súa realización cruzou datos da Seguridade Social (SS), Facenda e tamén da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

O primeiro dato salientábel que achega o informe é o feito de que a Galiza, xunto con Estremadura, Asturias e Cantabria, é a comunidade onde menos incrementou a afiliación desde decembro do 2021, cando se implantou a reforma laboral. De media, no Estado español rexistráronse 5,1% máis de persoas en alta laboral afiliadas á SS en decembro de 2023 respecto de decembro de 2021, cando na Galiza, no mesmo período, este incremento foi só de 2,9%. Ademais, a CIG indica que gañou peso o Réxime Xeral estes dous anos (+4,7%) até chegar a ser 76,2%.

Por tipo de contrato, o informe sinala que desde 2021 o que máis se incrementou é o fixo-descontinuo. Así, hai rexistradas un 125,1% de persoas máis que a finais dese ano. Ademais, sumando as indefinidas a xornada parcial, o peso das xornadas non completas na contratación indefinida aumenta de 19,8% en 2021 até 23,9% en 2023.  A central nacionalista, neste apartado, denuncia que a fenda de xénero na maioría dos indicadores aumentou.

Arguméntao co dato de que 70,1% das mulleres en 2023 tiñan un contrato indefinido (sumando todos os tipos de xornada), fronte a 81,8% dos homes, 11,7 puntos de diferenza. Porén, en 2021 esta diferenza era de 9,7 puntos, incrementándose a desigualdade.

Comentarios