Critican o escurantismo do proceso electoral no Craega

Fruga denuncia a “depuración” do censo do Consello de agricultura ecolóxica.

mazás agro

“Todo este proceso resulta bastante escuro”. Afírmao a Fruga en relación ás eleccións que o Consello regulador da agricultura ecolóxica (Craega) vai realizar en breve. Unha afirmación que a Federación Rural Galega realiza en base a unha serie de apreciacións. “En ningún momento se informou aos asociados e asociadas do inicio do proceso electoral”, sinala. E, no máis preocupante, “tampouco se informou entón da existencia de censos que ao parecer non inclúen a todos e todas as produtoras certificadas na Galiza, aínda que cumpran escrupulosamente coa normativa ecolóxica, o pagamento das correspondentes cotas anuais e as inspección periódicas ás que someten o Consellos aos e ás asociadas: estes censos inclúen só os produtores e produtoras que emitiran “volantes” certificativos no último ano. Este vai ser o motivo para decretar a nulidade da lista da Fruga”.

Os volantes son un documento que acompaña o produto no momento que se comercializa para acreditar a súa orixe nunha horta de produción ecolóxica certificada polo Craega. A emisión dese documento, “que só se emprega no caso de vendas a distribuidoras, industria transformadora ou tendas”,  inclúe os dados de vendedor e comprador . Supón ademais, explica Fruga,  un sobrecusto en forma de taxa emitida polo Craega dun 2% sobre o prezo do produto no caso dos produtores e produtoras. “Os  labregos que comercializan directamente as súas producións en feiras e mercados non emiten tais documentos (do mesmo xeito que non se cubre unha factura cada vez que se vende, por exemplo, unha leituga)”, explica a Federación. “Este nunca foi motivo para excluír a ninguén do Consello nin para menoscabar os seus dereitos e obrigas con respecto ao mesmo”. Até agora.

Con esta decisión, considera a organización agraria, o que se procura é restrinxir o censo  a aquelas persoas que operaran con industrias ou distribuidoras, “e denegar o dereito a elixir ou ser electas ás persoas excluídas”. Máis unha mostra, entende Fruga, de que os produtores ecolóxicos non son a principal preocupación deste organismo. “Centra a maior parte do esforzo orzamentario e publicitario no sector industrial e transformador, especialmente no de maior dimensión económica, que é o que pode tirar partido das campañas e feiras internacionais que tanto gustan à cúpula dirixente. Mais preocupados polas cifras económicas, as cotas de mercado e a presenza nesas grandes feiras internacionais, esquecen que se existe agricultura ecolóxica na Galiza é grazas os produtores e produtoras que marxinan e desprezan”.

Comentarios