Os contratos dos entes locais na Covid, no albo de Contas: "Aprécianse importantes deficiencias na tramitación"

O Consello analiza as adxudicacións na pandemia. Só no 20% dos expedientes de contratación convidáronse outras empresas alén da adxudicataria.
A maioría das máscaras durante a pandemia foron mercadas con contratos de emerxencia. (Foto: Europa Press)
photo_camera A maioría das máscaras durante a pandemia foron mercadas con contratos de emerxencia. (Foto: Europa Press)

O Consello de Contas da Galiza volve pór no foco a compra de material sanitario durante a pandemia. Neste caso, no marco do Informe de fiscalización das obrigas de remisión de información das entidades locais da Galiza e a avaliación da contorna de control para os exercicios do 2019 e 2020, remitido esta segunda feira ao Parlamento da Galiza, alerta de “numerosas deficiencias” nos contratos formalizados polas Administracións locais durante o período da Covid.

O relatorio do Consello de Contas desvela “un cumprimento incompleto" dos requisitos legais por parte das Administracións locais á hora de tramitar os contratos de emerxencias para a compra de materia sanitario durante a pandemia. Recolle que "na publicación dos contratos de emerxencia polos que se instrumentan medidas de loita contra a Covid-19 cobra especial importancia a xustificación do procedemento utilizado para a adxudicación, a mención do obxecto do contrato, o prezo de adxudicación ou a identidade do contratista. Nos expedientes de contratación revisados, apréciase un cumprimento incompleto destes requisitos".

O informe pon de manifesto que se “aprecian importantes deficiencias na tramitación dos contratos menores" e advirte do “incorrecto incumprimento do deber de publicar a contratación menor", pois "da análise da mostra de contratos menores vinculados á Covid-19 conclúese que só o 58% dos contratos son publicados no perfil do contratante, idéntica porcentaxe para aqueles que indican o obxecto do contrato". Só no 20,5% dos expedientes de contratación, advirte Contas, foron convidadas outras empresas á marxe da adxudicataria.

Ademais, o Consello de Contas chama a atención sobre a “dubidosa relación” entre as empresas adxudicatarias dos contratos de material sanitario e o seu “obxecto social”. Neste sentido, apunta que os concellos adquiriron maiormente máscaras cirúrxicas e FFP2, luvas e equipos de protección individual, porén, entre os obxectos sociais das empresas provedoras están a elaboración e distribución publicitaria, instalacións eléctricas, actividades de telecomunicacións, compravenda de valores mobiliarios ou educación secundaria, técnica e profesional. Precisamente, esta foi unha das cuestións reparadas polo ente fiscalizador nos contratos da Xunta da Galiza na pandemia.

Falta de transparencia

O documento do Consello de Contas denuncia a falta de transparencia das Administracións locais nos procedementos de compra de máscaras e outro material sanitario preciso durante a pandemia. Neste punto, destaca que “o 24% das entidades non remiten a información da contratación, a pesar dos requirimentos efectuados polo Consello de Contas da Galiza”, sinalando que “os maiores niveis de incumprimento danse nas mancomunidades, pola contra, o deber de remisión cumpriuse polo 100% dos órganos de contratación das deputacións”.

As irregularidades advertidas coinciden con algunhas denunciadas polo Consello de Contas noutro documento anterior onde cuestionaba os procedementos de compra de material sanitario seguidos polo Goberno galego durante o primeiro ano da pandemia.

Comentarios