Rueda non auditará a compra de máscaras na pandemia: "Non hai nada que ocultar"

O BNG denuncia "numerosas sombras" nos contratos da Xunta.
Fabiola García e Alfonso Rueda, esta segunda feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fabiola García e Alfonso Rueda, esta segunda feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, insistiu esta segunda feira en que o Goberno galego non ten "nada que ocultar" sobre a compra de máscaras na pandemia e situou nun intento de "desviar a atención" a petición dunha auditoría proposta polo BNG.

"O PSOE é o que máis está a insistir en desviar a atención", manifestou, a preguntas dos e das xornalistas nun acto na Coruña, en alusión ao 'caso Koldo' –no que Koldo García, ex asesor do ex ministro socialista José Luis Ábalos é investigado por presuntos delitos de organización criminal, branqueo de capitais, suborno e tráfico de influencias–. Segundo Rueda as compras de máscaras realizadas polo Executivo galego foron auditadas polo Consello de Contas, "polo que non hai nada que ocultar"

Fíxoo despois de ser cuestionado se atenderá a solicitude da auditoría reclamada pola formación nacionalista, que tamén instou a Xunta a remitir ao Parlamento galego todos os contratos de material non funxíbel realizados durante a emerxencia sanitaria.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta mesma segunda feira na Cámara galega, o deputado do BNG Luís Bará denunciou que a "opacidade" é a "norma de actuación" da Xunta neste asunto e afirmou que "non existe na web ningunha posibilidade de acceder aos contratos de emerxencia realizados nos anos 2020 e 2021", nos que hai, dixo, "numerosas sombras".

"Nalgúns casos, tense que acceder á información a través das páxinas web doutras comunidades", afirmou Bará, que dixo que o Consello de Contas, no seu informe de 2023, sinala que xa tivo "numerosos obstáculos" para acceder aos datos "por non estar accesíbeis", concretamente nos contratos relativos a material funxíbel.

Luís Bará considerou necesario que haxa "máxima transparencia" nestes asuntos e dixo que "se a Xunta actuou correctamente non debería ter problema en dar toda a información", recordou que neste momento hai numerosas investigacións en marcha sobre a compra de máscaras na pandemia, tanto na Audiencia Nacional como en distintos xulgados.

Tras subliñar tamén a necesidade de que se asuman responsabilidades políticas se se teñen que determinar, sostivo que hai "demasiadas cousas que non están claras" na actuación da Xunta que, segundo apuntou Bará, "non foi precisamente garantista nin axeitada ao procedemento de contratación pública".

A Xunta e os Ayuso

Precisamente a raíz do 'caso Koldo' volveu á palestra un feito desvelado en exclusiva por Nós Diario: a compra de material sanitario por parte da Xunta a unha empresa vinculada coa familia de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, no inicio da pandemia da Covid-19. 

En abril de 2020, a Xunta adquiriu por valor de 298.265 euros monitores de parámetros fisiolóxicos a Prhoinsa, cuxo administrador único era Juan Carlos Herrero, cofundador de Sismédica S.L., empresa que administra o irmán de Ayuso e da que a presidenta de Madrid posúe o 50%. 

Comentarios