Construción e comercio nutren as case 3.300 empresas 'zombis' que hai na Galiza

Os ingresos xerados non dan para cubrir nin os gastos financeiros
O sector da construción e inmobiliario é onde máis abundan. (Foto: Luján / Europa Press)
photo_camera O sector da construción e inmobiliario é onde máis abundan. (Foto: Luján / Europa Press)

A Galiza conta con 3.286 empresas 'zombis', que representan perto de 7% do total das que hai no Estado español. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) define as empresas 'zombis' como aquelas de máis de 10 anos de existencia e que non cobren a súa carga de xuros co seu excedente bruto de explotación durante polo menos tres anos consecutivos. É dicir, que non son quen de cubrir cos seus resultados nin sequera os seus gastos financeiros.

Un termo, 'empresa zombi', que naceu no Xapón na década dos 90 e que axiña se estendeu para definir este tipo de firmas, que sobreviven, malia non seren rendíbeis, a base de renegociar empréstitos.

Na Galiza hai rexistradas no arranque deste ano un total de 3.286 empresas deste tipo, un descenso a respecto do exercicio anterior, cando eran 3.361.

O Informe R&B sobre empresas 'zombis', publicado este verán e con datos extraídos do rexistro mercantil, sitúa Galiza como a quinta autonomía do Estado español con maior número deste tipo de empresas. Só Madrid, Catalunya, Andalucía e País Valencià posúen máis sociedades nesta situación.

Sectores

Na Galiza, o maior número de empresas zombis concéntrase no sector da construción, con 836 compañías, o que supón 25,4% do total, unha de cada catro. En segunda posición, sitúase o comercio, con 814 empresas 'zombis', o que representa 24,7%.  Entre ambos os dous sectores suman, logo, a metade do total.

A seguir están as empresas de servizos empresariais, con 394 (11,9%); a industria, con 374 casos (11,3%), e a hostalaría, onde se contabilizan até 229 negocios que non son quen de afrontar cos seus ingresos nin sequera os gastos financeiros (6,9%).

No que respecta ao seu tamaño, ao redor de 85% das sociedades nesta situación no país son microempresas, aquelas mercantís con menos de 10 traballadoras e traballadores. O resto posúen un persoal superior a esa cifra.

O estudo desagrega os datos por provincias. A Coruña e Pontevedra suman máis de 75% das 3.286 sociedades deste tipo. A primeira conta con 1.255 empresas 'zombis' e na segunda hai 1.320. En Lugo o número é 377 e en Ourense, 334.

Risco e perigos

Non todas as empresas nesta situación acaban por fechar. Depende de se son quen de tomar medidas que permitan corrixir a situación. Así, das 47.350 empresas identificadas como 'zombis' o ano pasado no conxunto do Estado español, 46% non mellorou a súa situación e permanecen nesta condición mentres 7% si que cesou a súa actividade.

Porén, e tal e como teñen sinalado ao longo destes anos diferentes organismos económicos —a mencionada OCDE ou o Banco Central Europeo— a persistencia deste tipo de sociedades implica riscos e perigos. Un deles, que alteran o mercado ao competir nunha situación que pon en desvantaxe aquelas empresas que si adoptan as medidas necesarias para manter un balance saneado. Outro, o risco que implica para clientes e provedores, que poden verse afectados por un fechamento repentino por outras consecuencias derivadas da insolvencia. 

Comentarios