Confrarías e colectivos do mar alegan a unha Lei de Acuicultura que "vai poñer S.A ás rías galegas"

A Plataforma en defensa da Ría de Arousa pide a retirada do ante-proxecto da Xunta. Facilita a entrada da piscicultura a escala industrial e das grandes multinacionais en detrimento dos sectores tradicionais, denuncian.

Mariñeiro en plena faena. Foto: Greenpeace

A Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA) presentou, en representación dunha vintena de confrarías, organizacións de mexilloeiros e agrupacións de mariscadoras, unha alegación contra o ante-proxecto de Lei de Acuicultura elaborado pola Xunta. Piden a retirada dun documento que, inciden, non foi falado nin consensuado cos sectores produtivos do mar galego. É máis, indican os detractores do ante-proxecto, esta lei faise de costas á realidade de Galiza.

Mais, que propón este ante-proxecto que a Consellería do Mar defende como beneficioso e necesario? Confrarías, frota arteasanal, bateeiros e mariscadoras semellan telo claro: “paro e contaminación”. Estas foron as dúas palabras repetidas hai uns días na comparecencia conxunta de representantes e portavoces de diferentes sectores do mar para rexeitar o proxecto.

Privatizar o mar

A lei asume un punto de vista propio do 'neo-liberalismo', denunciaban os bateeiros (mexilloeiros) dunha asociación de Vilaxoán, establecendo un articulado e unhas normas que implican facilitar que nas rías galegas desembarque a piscicultura intensiva a unha escala industrial e a entrada de grandes multinacionais do sector. E is provocará, como explicaron desde a PDRA e os sectores do mar, un forte golpe e graves prexuízos para actividades como a pesca de baixura, o marisqueo ou o cultivo de mexillón. “É privatizar o mar, poñerlle un S.L ou un S.A ás rías galegas”. O borrador da lei procura, consideran confrarías e demáis sectores, “favorecer os intereses das grandes empresas”. Para iso, póñense as bases legais e administrativas que permitan que estes grandes grupos se vaian introducindo en detrimento dos sectores tradicionais. A Acuicultura Industrial utiliza produtos farmacolóxicos e piensos non naturais. Iso implica un deterioro ambiental do medio mariño. Ademais, prohíbese a pesca no ámbito deses estabelecimentos acuícolas e contaminarán os recursos marisqueiros e pesqueiros da zona. Onde se ubica a acuicultura industrial só fica acuicultura industrial.

O PP fica só apoiando esta lei

Esta semana Vilagarcía acolleu un debate sobre a Lei organizado pola PDRA e que contou coa presenza de representantes das diferentes organizacións que concorren ao 20-D. Nós, En Marea, PSOE e Ciudadanos. O PP estaba convidado e embora confirmar asistencia, a última hora descolgouse. O resto das formacións comprometéronse ante os representantes do sector e o público asistente a traballar para que o proxecto elaborado pola Xunta non saíse adiante. 

Comentarios