A inflación preocupa o empresariado: o índice de confianza empresarial cae 4,1% na Galiza

O descenso da confianza das empresas galegas coa situación actual, nun contexto marcado pola guerra en Ucraína e a alza dos prezos, é superior que no conxunto do Estado español.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera O sector industrial é o que menos confianza ten coa situación actual. (Foto: Antonio Alcobendas)

O indicador de confianza empresarial descendeu 4,1% no último trimestre na Galiza en relación co período anterior, máis que a caída rexistrada pola media do Estado español (-2,9%), segundo os datos que publica esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). En comparación cun ano atrás, a confianza empresarial no país experimenta tamén unha diminución, en concreto de 2,24%.

No que atinxe ás opinións a respecto do trimestre que comeza —expectativas—, foron favorábeis para  9,9% dos enquisados, normais para o 63,5% e desfavorábeis para o 26,6%, cun saldo negativo de -16,7 puntos.

A respecto desta situación, son optimistas 15,9% dos preguntados, normais o 61,6% e pesimistas o 22,5%, o que arroxa tamén un saldo negativo, se ben é menos pronunciado (-6,6 puntos).

Datos estatais

O Indicador de Confianza Empresarial Harmonizado (ICEH), cuxa publicación corresponde ao INE, baixou un 2,9% no último trimestre a nivel estatal en relación ao trimestre anterior, en contraste coa suba de 7,5% experimentada nos meses de verán.

O retroceso da confianza empresarial rexistrado no último trimestre débese ao empeoramento tanto do indicador de expectativas como do indicador de situación actual, nun contexto marcado pola guerra en Ucraína, unha elevada taxa de inflación, altos prezos das materias primas e subas dos tipos de interese.

En concreto, o balance de expectativas —diferenza entre as opinións dos empresarios optimistas e os pesimistas— situouse en -11,8 puntos, fronte ao descenso de 4,2 puntos rexistrado no trimestre anterior.

De acordo cos datos do INE, dos cinco sectores económicos analizados o que máis recortou a confianza neste trimestre foi a industria (-4,8%), seguido dos outros servizos e do transporte e a hostalaría (-2,9% en ambos os casos), o comercio (-2,1%) e a construción (-0,6%).

Comentarios