A suba dos tipos polo BCE encarece as hipotecas 2.000 euros ao ano

O BCE prepara novos incrementos a curto prazo.
Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Banco Central Europeo (BCE) vén de aprobar a maior suba de tipos de xuro xamais realizada nos case 24 anos de historia da institución. A autoridade monetaria incrementa o prezo do diñeiro en tres cuartos de punto, até 1,25%, e prepara novos incrementos nos vindeiros meses — xa en xullo subiu o prezo do diñeiro a 0,5%—. Todo para combater unha inflación que na zona euro supera xa 9%.

O principal efecto na economía é un encarecemento das hipotecas e do financiamento público e empresarial. Mais tamén ten unha consecuencia positiva e é que fará que os depósitos sexan máis rendíbeis que até o de agora.

Hipotecas

As familias que teñen unha hipoteca variábel van sentir de maneira directa as consecuencias desta decisión do BCE. E iso nun país como a Galiza, onde as familias que perderon a súa vivenda por non poder pagar a hipoteca aumentou en máis de 30%, é preocupante.

A cota das hipotecas variábeis aumentará, xa que están referenciadas ao euribor e este indicador vai ligado ás expectativas da política monetaria do BCE. O euribor podería fechar setembro na contorna de 2%.

Segundo portais especializados, a suba do euribor provocará subas mensuais de por volta dos 115 euros por cada 100.000 euros de hipoteca a quen teña revisión o mes de setembro. Isto implica, para unha hipoteca media de 150.000 euros a 25 anos, case 170 euros máis ao mes e un aumento superior aos 2.000 euros no cómputo total anual.

A autoridade monetaria explicou que adoptou esta decisión e que prevé seguir subindo os tipos "porque a inflación segue demasiado alta e probabelmente estea por encima do obxectivo por un período estendido".

Sobe a Bolsa

Os valores bancarios acrecentaban nesta quinta feira as subas en Bolsa tras o anuncio do aumento de tipos polo BCE. Os valores bancarios presentaron notábeis incrementos.

Comentarios