Os comuneiros rexeitan a empresa mixta das enerxías renovábeis

As comunidades de montes veciñais reclaman a retirada do anteproxecto da lei de promoción de beneficios sociais e económicos dos recursos naturais de Galiza, á que presentaron alegacións. Ven a norma como un "aval" para a entrada nos montes comunais de empresas enerxéticas privadas.
Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)
photo_camera Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)

O pasado 21 de marzo o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciaba en Xermade (A Terra Chá) unha lei para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvestisen na Galiza. Unha nova lei que incluiría como unha das medidas 'estrela' a "creación" dunha sociedade mixta público-privada para participar en proxectos eólicos e doutras enerxías renovábeis.

Menos de dous meses despois, o 11 de maio, o propio presidente recoñecía que o Goberno galego cedía ao capital privado a maioría accionarial nesa sociedade mixta para impulsar as renovábeis. O daquela vicepresidente primeiro do Goberno e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, afirmaba que a creación desa empresa crearía "un plus de axilidade na xestión" e tamén facilitaría que "os investidores poidan participar na mesma".

O anteproxecto de lei recibiu no período de exposición pública alegacións de diferentes institucións e colectivos, entre eles da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (Orgaccmm), que solicita a súa retirada. Pídeo no documento de alegacións que presentou a esta norma e na que considera que a Xunta "vai participar en sociedades mercantís privadas para alcanzar os obxectivos marcados por este anteproxecto de lei. Vaise converter no avalista para a entrada da explotación capitalista nun territorio galego onde predomina a explotación agraria familiar  e o aproveitamento comunitario a través das comunidades 
de montes".

Considera tamén que a lei formula que  as comunidades de montes "poidan formar parte dunhas entidades mercantís chamadas sociedades participadas, a sabendas que a día de hoxe, dado o carácter xermánico dos montes veciñais, esta participación é imposíbel". Este anteproxecto de lei, proseguen os comuneiros, " é adiantar o intento da Consellaría do Medio Rural de converter os montes veciñais en titularidades totalmente privadas".

Outras alegacións indican que "se ben se fai unha aposta polo desenvolvemento das enerxías renovábeis, non se contempla que as comunidades de montes veciñais poidan actuar como comunidades enerxéticas locais para o desenvolvemento das enerxías renovábeis".

Diferentes alegacións

O colectivo Mina Touro-O Pino Non tamén criticou esta norma, que "propón a inclusión do impacto económico e social dentro do ambiental [...]. Con esa inclusión, a avaliación de impacto ambiental quedaría completamente deturpada. Esa inclusión está feita desde a óptica das empresas promotoras destes proxectos e non desde a óptica das persoas e dos territorios que os han de sufrir". O Sindicato Labrego Galego (SLG) tamén presentou alegacións e advertiu de que o anteproxecto contén aspectos "preocupantes" como eliminar o rexistro eólico, a única fonte de información que permite ir facendo un seguimento da implementación de proxectos.

Comentarios