Vivenda

A compravenda de vivendas afunde na Galiza cun descenso de 23%

A compravenda de vivendas rexistrou o pasado mes de novembro un descenso de 15,1% con respecto ao mesmo mes de 2022 no conxunto do Estado, até un total de 46.888 operacións, a súa cifra máis baixa neste mes desde 2020.
Vivendas no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra) (Foto: Europa Press).
photo_camera Vivendas no municipio das Somozas (comarca de Ferrolterra) (Foto: Europa Press).

A compravenda de vivendas na Galiza sufriu unha acusada caída de 22,9% en novembro de 2023 en comparación co mesmo mes de 2022, cun total de 1.538 transaccións, segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta sexta feira.

Este recorte é o cuarto máis acusado entre territorios do Estado e é oito puntos maior que a baixada media de 15,1% estatal. Os peores datos rexístranse en Estremadura, A Rioxa e Madrid, con caídas do 34,53%, 28,26% e do 25,72%, respectivamente. Ao lado contrario, sobresae o 6,6% de incremento en Asturias. Deste modo, a compravenda de vivendas volve a terreo negativo no país, xa que a subida de outubro rompera cunha racha de 10 meses consecutivos de caída interanual.

Das operacións de compravenda anotadas en novembro na Galiza, 1.484 realizáronse sobre vivendas libres e 54 son de protección oficial. Así mesmo, 375 son vivendas novas e 1.163, usadas. En novembro realizáronse un total de 2.968 operacións sobre vivendas. Ademais das 1.538 compravendas, houbo: 803 herdanzas, 30 doazóns, 14 permutas e 583 operacións doutro tipo.

O total de leiras transmitidas na Galiza ascendeu a 9.503 no undécimo mes, divididas en 5.594 urbanas -as 2.968 vivendas, 433 solares e 2.193 doutro tipo- e 3.909 rústicas. Transmitíronse 5.594 leiras urbanas na Galiza este mes a través de 2.920 compravendas, 1.316 herdanzas, 80 doazóns, 71 permutas e 1.207 operacións doutro tipo. Ademais, realizáronse 3.909 transmisións sobre leiras rústicas, entre as que se rexistraron 966 herdanzas, 740 compravendas, 35 doazóns, 52 permutas e 2.116 operacións doutro tipo.

Datos estatais

A compravenda de vivendas rexistrou o pasado mes de novembro un descenso de 15,1% con respecto ao mesmo mes de 2022 no conxunto do Estado, até un total de 46.888 operacións, a súa cifra máis baixa neste mes desde 2020, nun contexto de tipos de interese máis elevados, segundo informou o Instituto Nacional de Estatística (INE). Con este retroceso interanual, que amplía en catro puntos o rexistrado en outubro (-11,1%), a compravenda de vivendas encadea dez meses de taxas interanuais negativas.

O descenso interanual da compravenda de vivenda en novembro debeuse tanto á caída das operacións sobre pisos de segunda man, como ao retroceso na venda de vivendas novas. En concreto, a compravenda de vivendas usadas baixou 16% no penúltimo mes do ano pasado, até sumar 38.015 operacións, mentres que as transaccións realizadas sobre pisos novos diminuíron 11,1% interanual, até as 8.873 operacións.

93,1% das vivendas transmitidas por compravenda en novembro de 2023 foron vivendas libres e 6,9%, protexidas. En total, a compravenda de vivendas libres baixou 14,4% interanual, até as 43.654 operacións, en tanto que a compravenda de vivendas protexidas esborrallou 23,5%, até sumar 3.234 transaccións.

En taxa intermensual (novembro do 2023 sobre outubro do mesmo ano), a compravenda de vivendas subiu 2,1%, mentres que nos once primeiros meses de 2023 reduciuse 9,3%, con caídas de 4,3% no caso das vivendas novas e de 10,4% no das vivendas usadas.

Comentarios