O 'rating' de Alcoa sitúase a un paso do "bono lixo"

Fitch introduce máis dúbidas sobre o futuro da factoría de aluminio da Mariña

Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)

A axencia cualificadora Fitch vén de emitir a súa valoración sobre o rating de Alcoa. Nesta ocasión, sitúao a un paso do "bono lixo" e advirte dos riscos que ten por diante o xigante estadounidense do aluminio.

O rating é a cualificación asignada a compañías privadas, administracións públicas ou produtos financeiros para determinar o seu nivel de solvencia e analizar as posibilidades de impagamento. Neste sentido, o seu nivel é tomado en conta polos investidores e operadores financeiros, pois permite coñecer de forma rápida o risco asociado ás mesmas.

A súa elaboración corresponde ás cualificadoras, tamén denominadas axencias rating, compañías dedicadas á valoración do risco de crédito. Así, entre estas destacan Moody's, Standard & Poor's e Fitch, todas elas de capital estadounidense e consideradas as tres axencias máis importantes do mundo.

Unha delas, concretamente Fitch, acaba de someter a análise a situación de Alcoa. As súas conclusións introducen novas dúbidas sobre a solvencia financeira da multinacional estadounidense de aluminio, cun centro de produción aberto na localidade de San Cibrao, no concello do Cervo, na comarca da Mariña. Fitch sitúa na súa valoración o rating de Alcoa ao borde do "bono lixo".

Nesta liña, explica que as rebaixas nas perspectivas do rating do grupo "reflicten os actuais retos no segmento de alumina" e "a previsión dun período prolongado para recuperar a rendibilidade". A este respecto, a corporación estadounidense recoñeceu perdas para os primeiros meses do ano de 475 millóns de euros e unha débeda global de 1.400 millóns de euros.

Fondos externos

O informe da cualificadora introduce máis dúbidas sobre a continuidade da actividade na factoría da Mariña. Neste sentido, asegura que "a falta dunha alternativa enerxética en San Cibrao provoca unha situación insostíbel desde o punto de vista económico" e ve "seguramente necesaria unha reestruturación". Así, a axencia apunta que "asumindo unha reestruturación entre 2024 e 2025 dos negocios que provocan perdas e un retorno á bauxita de maior calidade en 2027, a rendibilidade debería volver a niveis históricos". Nesta dirección, entende que "serán necesarios fondos externos para apoiar as operacións e as reestruturacións durante este período".

O nivel de endebedamento de Alcoa preocupa a Fitch, até o punto de que alerta dunha "estrutura financeira" máis "débil"

Comentarios