A Comisión Europea exixe ao vindeiro goberno español axustes adicionais por máis de 9.000 millóns de euros

O déficit superou en 2015 en 2 puntos o pactado. O xefe do Eurogrupo pide máis recortes do gasto público.

bruxelas eurogrupo Unión Europea

O novo goberno español vai ter que realizar axustes en 2016 por valor de nove mil millóns de euros. Bruxelas lanzou esta advertencia a través do xefe do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbloem, e do comisario Pierre Moscovici. “Sexa cal for o novo goberno, debe facer axustes en 2016”, dixo Moscivici. Dijsselbloem, inflexíbel, afirma que no Estado español ten que haber máis recortes no gasto social.

"Sexa cal for o novo goberno español, debe facer axustes en 2016", advertiu o comisario Moscovici

Estas advertencias de Bruxelas prodúcense a raíz de que o Estado español incumprise, máis unha vez, o déficit pactado. Estímao en 2015 no 4,8%, 2 puntos por riba do pactado. “O orzamento español incumpre as regras. A Comisión europea foi clara ao respeito”, enfatizou o xefe do Eurogrupo, que quer dar un 'correctivo' por incumprimentos fiscais. Fronte aos que piden flexibilidade, Dijsselbloem mantivo: “Non é un país no que a crise de refuxiados tivese máis impacto”. A flexibilidade, para os estados que 'reciben' refuxiados. España non cumpríu co pacto de déficit en ninún dos anos da lexislatura de Mariano Rajoy.

O novo goberno español vai ter que presentar un orzamento actualizado, no que se inclúan novos axustes e compromisos de reducir o déficit. Iso é o que agarda Bruxelas. Este borrador será analizado pola Comisión, que emitirá un veredicto para dar paso ao debate no Eurogrupo.

Comentarios