Comeza o proceso de reinicio das cubas de Alcoa en Cervo "conforme ao plan previsto"

Empresa, administracións e traballadores emprazáronse a reunirse en xaneiro para fixar unha "folla de ruta" que marque o futuro do complexo industrial da Mariña.
Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O proceso de rearranque das cubas da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), "está en marcha" desde o inicio deste 2024 "conforme ao plan previsto", aseguran hoxe fontes da compañía citadas pola axencia Europa Press. Segundo a proposta acordada no seu día, Alcoa tería polo menos 32 cubas operando o 1 de abril de 2024 e reactivaría o 100% das cubas o 1 de outubro de 2025.

A este respecto, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, precisou que se pediu unha reunión á empresa a próxima semana para que informe "dos pormenores" da situación do reinicio, de forma que se concreten "os fitos do precalentamento das cubas, metidas de tensión e primeira tonelada que salga dunha cuba".

Así, Zan apunta que hai uns procesos preliminares de "picado de cubas e limpeza no cal están agora mesmo traballando", pero aínda descoñecen as datas chave para a posta en marcha da factoría.

Folla de ruta

A produción de aluminio primario de San Cibrao parou en xaneiro de 2022 como resultado dun acordo cos representantes dos traballadores alcanzado en decembro de 2021. En febreiro de 2023 houbo unha modificación do acordo polo que Alcoa reiniciaría de maneira gradual a produción de aluminio primario en xaneiro deste mesmo ano.

E o 2 de outubro de 2023, a compañía procedeu á paralización de fundición de aluminio que aínda funcionaba. Posteriormente, a empresa anunciou a suspensión do investimento do forno de cocción para ánodos pendente.

Pola súa parte, a pasada semana o Goberno estatal realizou unha modificación normativa para desbloquear cinco parques eólicos —Borrasca, Xistra, Levante, Boura e Monzón— chamados a fornecer enerxía limpa á planta de aluminio, que contaban cunha declaración de impacto ambiental positiva mais ficaban bloqueados ao non ser realizada en prazo a súa tramitación.

Empresa, administracións e traballadores emprazáronse a reunirse en xaneiro para fixar unha "folla de ruta" que marque o futuro do complexo industrial da Mariña. A finais do 2023, Alcoa asegurou estar "comprometida" a "cumprir coas obrigas do acordo de viabilidade" da planta de San Cibrao, aínda que busca "solucións potenciais" para garantir que as operacións "sigan a ser sustentábeis no medio e longo prazo", xa que calcula que terá perdas de máis de 200 millóns de euros en 2024.

Comentarios