Comerciantes esperan unhas rebaixas "sen euforias" e piden que se volvan regular os períodos de descontos

Comerciantes galegos prevén un período de rebaixas de verán "sen euforias" aínda que si con algún día no que aumentará a facturación, polo que insistiron en pedir ao Goberno central que volva regular os períodos de descontos.

Rebaixas no casco histórico de Noia (Foto: Beatriz García).
photo_camera Rebaixas no casco histórico de Noia (Foto: Beatriz García).

A pesar de que historicamente as rebaixas de verán comezaban o 1 de xullo en España, desde que en 2012 se liberalizaron "xa non son o que eran", debido a que a maioría de establecementos estabelece descontos durante practicamente todo o ano. Con todo, é despois do Nadal e a principios de verán cando as gangas se multiplican en moitos negocios.

Nesta liña falou José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, quen indicou que "as rebaixas comezaron o 1 de xaneiro e terminan o 31 de decembro", polo que o inicio de xullo xa non supón "a masificación" que antes supuña.

A pesar diso, recoñeceu que si se espera un aumento da facturación "nalgúns días concretos" xa que a xente adoita aproveitar estas datas para renovar o armario de verán.

Aínda así, explicou que nin sequera as grandes cadeas se poñen de acordo para iniciar todas á vez o período de rebaixas e moito menos os pequenos comercios, que se adaptan ao que marcan as multinacionais, que xa empezaron esta semana.

Desde a Federación Galega de Comercio insistiron en solicitar ao Goberno que volva a pautar unha serie de datas para as rebaixas, co obxectivo de que o consumidor e os comerciantes teñan claro cando haberá descontos. 

 

"Ilusión"

Postura similar defendeu precisamente a portavoz de comerciantes de O Calvario, en Vigo, Encarna Álvarez, quen subliñou que o comercio local recibe "con ilusión" as rebaixas, porque lles permitirá desfacerse do stock para comprar novos produtos. No entanto, lamentou que após a liberalización as campañas de rebaixas son "bastante diferentes".

Álvarez indicou que polo menos pola súa zona os comercios seguen respectando, en parte, o inicio das rebaixas, aínda que se adaptan ao que as multinacionais fan.

Interrogada sobre se se espera un aumento da facturación ou dos empregos no sector, dixo que desde a crise do 2008 o sector está "bastante precarizado", polo que os pequenos comerciantes non poden permitirse contratar novos traballadores. Tamén dixo que neste período en moitas ocasións véndese practicamente a custo, pero polo menos libérase mercadoría. 

 

Na mesma liña falou Isabel Porto, presidenta da Asociación de Comerciantes Obelisco da Coruña. Ela mostrou o seu optimismo por esta campaña de rebaixas, que espera que permita aos comercios aumentar a súa facturación.

Aínda así, recoñeceu que para os pequenos comerciantes é "difícil" contratar a máis persoas nestas épocas, porque os custos son moi grandes, polo que adoitan preferir manter o persoal actual "aínda que os clientes teñan que esperar un pouco máis para ser atendidos".

Tamén falou de que agora as tendas deciden cando pór os descontos, polo que esta semana xa empezaron na maioría dos casos, uns días antes que as multinacionais. 

Comentarios