Comercializadoras eléctricas cobraron até 30% máis do debido após a entrada en vigor da nova factura da luz

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia censura que algunhas comercializadoras non adaptaron correctamente os contratos de subministración dos seus clientes aos cambios normativos. Nalgúns casos, di, elevaron o termo de enerxía medio facturado até un 30% máis do que correspondería.
Unha lámpada acesa (Foto: David Obach / Europa Press)
photo_camera Unha lámpada acesa (Foto: David Obach / Europa Press).

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) constatou que "existe un número de comercializadoras que ademais da variación no compoñente regulado (peaxes), incluíron un incremento no custo da enerxía" que eleva o custo final da tarifa dos consumidores sen xustificación, malia que a gran maioría das comercializadoras eléctricas, indica, adaptaron "adecuadamente" as novas peaxes aos contratos de subministración desde o 1 de xuño.

Falta de transparencia

O organismo regulador, responsábel do seguimento de adaptación das compañías á novas tarifas, comprobou que, só puntualmente, o comercializador informou de maneira transparente e comprensíbel ao cliente, mediante comunicación específica para esta cuestión, da introdución de modificacións máis aló das que corresponden ao mero traslado dos compoñentes regulados, dando a posibilidade de rescisión do contrato sen penalización, todo iso de acordo coa normativa vixente.

No resto dos casos non existiu esa comunicación transparente aos seus clientes informando sobre a actualización de prezos realizada e indicaron incorrectamente que esta se realizou para recoller a variación dos compoñentes regulados.

Regularización dos importes

Por todo iso, a CNMC solicitou a estas comercializadoras que realicen as regularizacións necesarias nos contratos dos seus consumidores de forma que inclúan os prezos correctos e, ademais, informen de maneira transparente.

Segundo recolle a CNMC nun comunicado, moitas destas comercializadoras xa están a realizar ditas regularizacións, polo que os consumidores deberían percibir a compensación equivalente polos prezos da luz que deberían abonar desde o 1 de xuño.

Accións legais

Ademais, a CNMC está a realizar un seguimento das regularizacións dos devanditos contratos. No caso de que estas non sexan levadas a cabo de maneira dilixente e adecuada e coa transparencia necesaria para o consumidor, "poderían iniciarse as actuacións oportunas de acordo co previsto na normativa sobre incumprimento da aplicación das medidas de protección ao consumidor e, con respecto á transparencia adoptada nas prácticas comerciais levadas a cabo para informar o consumidor neste proceso.

Recomendacións

A CNMC lembra que en abril de 2021 aprobou unha serie de recomendacións para as comercializadoras á hora de aplicar a nova Circular de peaxes. No documento estabelecéronse os criterios para que as comercializadoras trasladasen adecuadamente aos consumidores as variacións asociadas aos novos compoñentes regulados.

Así, indicaba que no proceso de adaptación debería aplicarse unha metodoloxía que fose replicábel e que garantise que, tras a adaptación dos valores dos conceptos regulados á nova estrutura de peaxes de acceso, o importe implícito do compoñente non regulado do prezo do contrato non fose superior ao contemplado antes da modificación.

Comentarios