A CIG denuncia o Estado no Comité Europeo de Dereitos Sociais para subir a contía do SMI

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou onte a presentación dunha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) polo incumprimento do Estado español a respecto da contía do salario mínimo interprofesional (SMI).
ComiteEuropeoDereitosSociais. 001
photo_camera Os dirixentes da CIG Francisco Sío e Paulo Carril, onte. (Foto: Nós Diario)

A Carta Social Europea contempla que o SMI sexa de 60% do salario medio. Porén, tanto Eurostat como o Consello Económico e Social (CES) español afirman que apenas chega a 50%.

A central sindical denunciou o incumprimento do artigo 4.1 da Carta Social Europea ao non ser suficiente a contía fixada para o SMI polo Goberno do Estado en febreiro deste ano, malia afirmar que esa actualización do salario mínimo interprofesional daba "cabal cumprimento ao disposto polo Comité Europeo de Dereitos Sociais en aplicación da Carta Social Europea".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou onte que o SMI ficou en 1.080 euros brutos mensuais en 14 pagas, cantidade que "non é conforme co artigo 4.1 da carta, ao ser claramente inferior a 60% do salario medio neto español, cuantificado en 17.016,17 euros brutos ao ano por Eurostat para 2022".

Carril explicou a formalización desta reclamación colectiva  "porque o Goberno do Estado leva anos facendo caso omiso ás nosas advertencias".

Nesta liña, pretende que “o CEDS declare que a contía do SMI para 2023 debe ser acorde coa Carta Social Europea e, polo tanto, fixarse en 1.215,42 euros ao mes en 14 pagas”. Ao tempo, asegurou que a proposta persegue "un nivel de vida digno para as persoas traballadoras e as súas familias".

O dirixente sindical apuntou que a CIG recorreu "sempre" aos datos dos módulos salariais que publica a Axencia Tributaria, que sitúa o salario medio en 28.301 euros e o SMI en 1.212 euros, "porque permiten coñecer de forma máis fidedigna e obxectiva os ingresos reais dos traballadores".

A este respecto, asegurou que “os cálculos da CIG difiren minimamente dos de Eurostat, que fixa o SMI no Estado español en 49,36% do salario medio, 28.360 euros ao ano, o que daría un SMI de 1.215 euros ao mes”.

O máximo responsábel da CIG recordou que o CEDS xa instou o Estado español en múltiples ocasións a elevar o seu SMI como requisito necesario para cumprir a carta. Na mesma orientación, o Comité Europeo de Dereitos Sociais advertiu de que “a situación a actual non é conforme ao que se determina para garantir un nivel de vida digna". O CEDS, lembrou Carril, sinala no seu último informe que “o SMI non chega a 50% do salario medio”.

Comentarios