A CIG exixe subir o SMI a 1.212 euros para equiparalo a 60% do salario medio

"Está demostrado que subir o SMI non crea desemprego, senón que reactiva a economía", di Francisco González Sío.
Traballador autónomo na súa tenda (Foto: Arxina).
photo_camera "O Goberno non pode estar a incumprir sistematicamente", defende a CIG. (Foto: Arxina)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) reiterou esta segunda feira a súa demanda de incrementar o salario mínimo interprofesional (SMI) até os 1.212 euros mensuais, o que suporía unha suba de máis de 21% para alcanzar o 60% do salario medio no Estado español, como recomenda a Carta Social Europea.

"Ante a inminente suba do salario mínimo por parte dos sindicatos estatais e do Goberno e a patronal, a CIG reitera que a única contía admisíbel é a de 1.212 euros", reivindicou a organización sindical nun comunicado, situando o soldo medio español de 2022 en 28.301 euros por ano.

Segundo o secretario confederal de Emprego da GIC, Francisco González Sío, o cálculo desta cifra é o resultado do módulo salarial que realiza o Ministerio de Facenda cruzando os ingresos dos traballadores con datos da Tesouraría da Seguridade Social, "non como fai o grupo de expertos do Goberno, que emprega enquisas e non datos de ingresos reais".

Para el, equiparar o SMI á Carta Social Europea "significa quitar das rendas do capital cara ás rendas do traballo e, por tanto, mellorar as condicións de vida de decenas de miles de traballadores galegos".

González Sío subliñou que "está demostrado" que subir o SMI non crea desemprego, senón que, pola contra, "reactiva a economía". "Xa está ben, a adhesión á Carta Social Europea na súa versión máis actualizada non pode quedar nun simple acto simbólico. O Goberno non pode estar a incumprir sistematicamente", sentenciou.

Comentarios