Delegadas da CIG féchanse na Consellaría de Política Social para exixir un "convenio digno" no SAF

O último intento de negociación rematou sen resultados, censuran, "porque a patronal pretendía, entre outras cuestións, eludir a regulación da xornada, suprimir a revisión salarial e manter en porcentaxes ínfimas o prezo da quilometraxe".
As delegadas da CIG, dentro da Consellaría de Política Social. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As delegadas da CIG, dentro da Consellaría de Política Social. (Foto: Nós Diario)

Delegadas da CIG nos Servizos de Axuda no Fogar féchanse, nestes intres, na Consellaría de Política Social para demandar a negociación inmediata do convenio colectivo do sector e exixir que o servizo sexa "integramente público". As traballadoras dos SAF levan máis de 12 anos reclamando un "convenio digno".

O último intento de negociación rematou sen resultados, afirman desde a central sindical, "porque a patronal pretendía, entre outras cuestións, eludir a regulación da xornada, suprimir a revisión salarial e manter en porcentaxes ínfimas o prezo da quilometraxe". Durante estes anos os incrementos salariais que tiveron, que cualifican de "irrisorios", foron "grazas ao IPC".

Uns salarios que, "coas poucas horas de xornada" que teñen a maioría das traballadoras, "non lles permiten chegar a fin de mes", censuran, ao tempo que denuncian que, malia ser o SAF un "servizo esencial para a comunidade", é un dos traballos "máis precarizados e feminizados que existen" e que padecen desde hai anos "os abusos das empresas concesionarias".

Nese sentido, subliñan que os concellos teñen a obriga de exixir ás empresas que licitan coa Administración o cumprimento dos dereitos das traballadoras, especialmente cando reciben cartos públicos. Por iso, reclaman que o servizo sexa público, para "garantir as mellores condicións" na súa prestación, mais tamén para que as traballadoras teñan unhas "mellores condicións laborais", que lles permitan seguir facendo o seu traballo de atención ás persoas dignamente.

A Xunta reitera que non ten "competencias"

Pola súa parte, fontes de Política Social consultadas pola axencia Europa Press insisten en que a Xunta "non ten competencias" sobre este servizo nin sobre as súas condicións laborais, porque "é de xestión local" e porque en boa parte dos municipios está concesionado e réxese polo convenio do sector.

Nesta liña, a Xunta recalca que "son os concellos" os que escollen o modelo de atención do SAF —público ou privado— e, en todo caso, os que asinan os contratos. Por este motivo, aínda que a CIG exixe unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García —no momento do feche atopábase na Coruña por un acto de axenda pública—, fontes do seu departamento cren que "non procede".

Comentarios