Bruxelas ve ilegais as exencións fiscais a Navantia

O Tribunal Europeo entende que a exención do pago do IBI polos terreos sobre os que se asenta en Ferrol pode “falsear a competencia”.

A reixa de Navantia coa roupa pendurada
photo_camera A reixa de Navantia coa roupa pendurada nunha protesta

Máis unha mala nova para Navantia e o naval de Ferrol, sector que de ser chave e trabe no tecido industrial e social da comarca está desde ai uns anos a sufrir golpe tras golpe. Desta vez a mala nova vén desde o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TSXUE), que ditamina que a exención do pago do imposto de bens inmobles (IBI) da que se beneficia Navantia pola superficie que ocupa na cidade departamental pode ser unha axuda pública ilegal. O TSXUE tamén di que é ao xulgado contencioso-administrativo de Ferrol a quen lle corresponde confirmar ou non esta consideración.

Este organismo europeo emitiu a súa opinión a raíz dunha cuestión que lle trasladou o xulgado ferrolán.“A exención do imposto sobre bens inmóbeis pode constituír unha axuda do Estado, prohibida con arranxo a esta disposición”.

Este litixio deu comezo pola negativa do Concello de Ferrol ás peticións presentadas desde o 2008 polo Estado español e a propia Navantia para ficar exentos do IB que gravaba a superficie na que estaba o estaleiro. Até 2007 pagáranse perto de 600.000 euros (en concreto, 590.308) por ese concepto.

O caso foi dar perante o TSXG, que en 2012 ditaminou que procedía conceder a exención fiscal solicitada e devolveu o asunto ao xulgado de Ferrol, que se dirixiu entón a Bruxelas.

Comentarios