A CIG mobilízase contra a reforma das pensións proposta polo Goberno estatal

A central sindical denuncia o empobrecemento das clases populares.
Imaxe da mobilización convocada pola CIG que percorreu hoxe as rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da mobilización convocada pola CIG que percorreu hoxe as rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)

Delegadas e delegados da CIG, xunto co colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da central nacionalista, mobilizáronse hoxe nas sete grandes cidades do país, así como en Vilagarcía, Ribeira e Lalín, en rexeitamento á reforma das pensións que proxecta o Executivo estatal. 

As concentracións insírense na campaña lanzada no mes de decembro polo sindicato ante unha modificación do sistema público que "ameaza con ampliar até os 30 anos o período para o cálculo das contías percibidas polas persoas xubiladas". 

A CIG avanzou que "adoptará todas as medidas necesarias e intensificará a mobilización a todos os niveis para evitar que esta ameaza sexa unha realidade". De forma paralela á campaña de mobilizacións, iniciouse tamén a recollida de manifestos de comités de empresa e representantes do persoal traballador contra calquera reforma no sistema público de pensións que impoña aumentar os anos para o cálculo das contías.

Antes das protestas, decorreron asembleas do sindicato "para abordar a situación da negociación colectiva e a resposta fronte a carestía da vida e o empobrecemento da clase obreira", ademais, advertiuse que a nova reforma das pensións, de aprobarse nos termos anunciados, "suporía unha caída das contías futuras de entre 6% e 8%, como o Banco de España recoñece".

As pensións medias, por baixo do salario mínimo 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que "a pensión media na Galiza é de 930 euros mensuais, 70 euros por debaixo do salario mínimo, mentres que a pensión media no Estado é de 1.089 euros". Por iso, avanzou que a aprobación da reforma do Goberno español significaría "aumentar a caída progresiva das pensións, que xa suma  25% desde a modificación que se impuxo en 2011, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e se aumentou o período de cálculo de 15 a 25 anos".

Carril chamou a atención sobre o feito de que a poboación con máis de 65 anos obtén de media 29,6 anos cotizados -moi lonxe dos 37 anos e 6 meses necesarios para acceder a 100% da base reguladora-, que a idade media de xubilación está nos 64,71 anos e que 5,2% da poboación se xubila aos 69,52 anos.

"Todas as reformas aprobadas nos últimos anos foron para dificultar o acceso e recortar as contías das pensións públicas. Baixo a ameaza dunha suposta quebra do sistema, o que se busca é transferir a capacidade de aforro da clase traballadora aos fondos privados", alertou o secretario xeral da CIG.

Rego rexeita a reforma

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou onte na mobilización da CIG en Compostela, onde defendeu "garantir as pensións futuras e fortalecer o sistema público como único garante do dereito a unha xubilación digna".

Comentarios