A pensión media na Galiza sobe 10% en febreiro mais é 173 euros menos que a media estatal

A Galiza é o segundo territorio no Estaco con estas prestacións máis baixas.
O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)
photo_camera (Foto: Arxina)

A pensión media na Galiza (que inclúe todo tipo de prestacións xa sexa por xubilación, orfandade, viuvez ou outras) situouse en febreiro nos 1.017,87 euros, o que supón 10,01% máis que no mesmo mes de 2022, a pesar de que continúa 173 euros por baixo da media estatal, que alcanza os 1.191,28 euros, 9,79% máis.

Segundo datos publicados esta sexta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, recollidos por Europa Press, a Galiza é a segunda comunidade onde as pensións son máis baixas, quedando só Estremadura por baixo, con 994,57 euros de media.

En total, até 769.623 galegos e galegas percibiron algún tipo de pensión en febreiro.

Delas, 71.391 foron por incapacidade permanente, cunha contía media de 1.019,21 euros. A pensión de xubilación na Galiza situouse nos 1.163,44 euros de media e foi cobrada por 484.218 persoas.

Ademais, 183.989 persoas ingresaron de media 718,01 euros por viuvez e 23.218 uns 471,57 euros por orfandade. A pensión media en favor de familiares ascendeu a 617,34 euros e percibírona 6.807 persoas.

Das case 770.000 pensións que se cobran na Galiza, 303.080 correspóndense á Coruña, con 1.067,78 euros de media; 113.678, a Lugo, con 916,94 euros; 106.593 a Ourense, con 883,02 euros, e 246.272 a Pontevedra, con 1.061,40 euros de media.

A reforma das pensións

A incidencia desta reforma na Galiza será maior, ao situarse as pensións actuais por baixo da media estatal. Segundo sinala o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), en xaneiro 710.119 galegos e galegas percibiron unha pensión media de 1.015,78 euros ao mes.

Comentarios