Máis

Bonito de Burela: dous días de feira para conmemorar unha tradición de máis dun século

Esta fin de semana ten lugar a XXXVII Feira do Bonito de Burela, que conmemora unha tradición de máis dun século no municipio, a pesca do bonito do norte, que supón un dos principais sinais de identidade da vila da Mariña, onde se vende máis da metade das capturas desta especie sobre o total das comercializadas no conxunto das lonxas galegas.
Descarga de bonito do norte en Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Descarga de bonito do norte en Burela. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Este sábado comeza a trixésimo sétima edición da Feira do Bonito de Burela, que decorrerá na porto do municipio mariñán. Tanto sábado como domingo estarán a disposición das persoas que visiten a feira racións para a degustación do produto estrela da vila. A ración clásica, con ou sen glute, e que inclúe bonito cocido, bonito asado e empanada, terá un prezo de nove euros. Tamén se poderá degustar o bonito en salpicón (a un prezo de tres euros) e en marmitako (por cinco euros).

O bonito do norte é un produto moi importante para a economía de Burela, tan só no que vai de ano (con datos até xullo) vendéronse na lonxa do municipio un total de 682.629,80 quilogramos desta especie, a un prezo medio de catro euros por quilo, que supuxeron vendas por 2.729.287,90 de euros. As capturas de bonito de Burela vendidas na lonxa do municipio no primeiro semestre do ano aumentaron considerabelmente con respecto ao mesmo período de 2022, ao incrementarse en 45%. Porén, a caída do prezo medio de venda fixo que os ingresos derivados aumentasen nunha porcentaxe menor, cunha ganancia 23% maior.

No último exercicio completo, en 2022, as capturas de bonito de Burela que foron vendidas na lonxa da localidade ascenderon a un total de 1.235.616,80 quilogramos (9% máis que en 2021), alcanzaron un prezo medio de 4,52 euros por quilogramo, e supuxeron uns ingresos totais de  5.581.758,47 euros (23% máis do facturado no ano 2021).

Ademais, na pasada anualidade, vendeuse na de Burela máis da metade do total do bonito do norte que saíu das lonxas galegas. Desta forma, comercializáronse 59% dos 2.100.800,20 quilos mercados no conxunto das lonxas do país.

Tradición burelense

Á vista destes datos pódese constatar que o bonito do norte é un dos principais impulsores económicos de Burela, o que converte esta especie ao mesmo tempo nun dos seus principais sinais de identidade. Burela posúe o porto de bonito máis importante da Galiza e o bonito do norte é a segunda especie máis significativa en canto a volume de negocio da lonxa do municipio. Un dato que, tendo en conta que a tempada dura poucos meses, é moi relevante. Este produto proporciona a Burela unha proxección de cara ao exterior clave, e que repercute tamén en moitos outros sectores, como o turismo.

A historia do bonito do norte en Burela vén de moi atrás, de hai máis dun século, segundo relata a doutora en Historia Contemporánea Herminia Pernas. "Nos anos vinte do século XX chegaron os mariñeiros vascos á costa mariñá, en lanchas de vela e a remo máis grandes que as locais, e que os mariñeiros de Burela denominaron 'marracanas'. Con elas pescaban bonito e ensinaron aos nosos mariñeiros esta arte", explica. Tal foi así, prosegue a doutora en Historia Contemporánea nada na localidade mariñán, que "os mariñeiros de Burela dedicáronlle a primeira costeira [tempada de pesca] ao bonito no verán de 1924. Os barcos boniteiros foran construídos nos portos veciños de San Cibrao (Cervo) e Foz ou ben en Euskadi (en Mutriku e Zumaia)".

Dous días de festa

As actividades da XXXVII Feira do Bonito de Burela comezarán o sábado cunha ruada polo municipio a cargo de grupos de música tradicional e coa recepción das autoridades, tras a que dará lectura ao pregón David López Mon, cofundador de Kaito Estudios e premio Mestre Mateo en audiovisuais.

De seguido, terá lugar a sesión vermú a cargo de Toxo Guayaba e a apertura da degustación de bonito, que permanecerá aberta ao público toda a tarde. Á noite, ás 21.30 horas, será o momento dos concertos, coas actuacións de Ruxe Ruxe e Pauliña. Despois, a fin de festa será dirixida por DJ Chente. Na mañá do sábado tamén terá lugar unha quedada de vehículos clásicos e ademais, tanto o sábado como o domingo, realizarase o I Encontro de Alfombrismo e Arte Efémera Galega.

O domingo comezará coas actividades para as crianzas, desde as 11.30 horas, a cargo de Xogando nas Nubes. Xa ás 13.30 horas dará comezo a degustación do marmitako, ao mesmo tempo que a sesión vermú, coa actuación de Superglú e Escuchando Elefantes. Unha hora despois farase entrega dos premios do VII Certame Internacional de Pintura Mural Amarte. Xa pola tarde, ás 21.30 horas, haberá un coloquio con David López Mon sobre o documental da súa autoría Morabeza, así como con outras persoas protagonistas do filme, que será proxectado unha hora despois, na praza do Concello.

Comentarios