O prezo da bombona de butano sobe 5%, até os 15,89 euros

Na actualidade, anualmente consómense 64,5 millóns de envases de gas licuado de petróleo (bombonas) de distintas capacidades.
O prezo da bombona sube esta semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera O prezo da bombona sube esta semana (Foto: Nós Diario).

O prezo máximo de venda ao público da bombona de butano subirá 5% -o máximo permitido na normativa- a partir desta terza feira, até os 15,89 euros, no segundo repunte do prezo tras seis bimestres de baixada, segundo a resolución publicada no Boletín Oficial do Estado esta segunda feira (BOE).

Esta revisión bimestral calcúlase en función do custo da materia prima (propano e butano) nos mercados internacionais, así como do custo de transporte e a evolución do tipo de cambio euro-dólar. Por outra parte, dita revisión do prezo, á alza ou á baixa, está limitada a 5%, acumulándose o exceso ou defecto de prezo para a súa aplicación en posteriores revisións.

En concreto, o incremento desta última revisión débese, principalmente, ao aumento do custo de transporte (+4%) e á elevada cotización das materias primas, a pesar de que o seu prezo diminuíu (-3,1%), así como á apreciación que o euro viviu fronte ao dólar (+2,2%) nos dous últimos meses, segundo indicaron fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O prezo máximo de venda dos gases licuados do petróleo envasados (GLP) en envases de entre 8 e 20 quilogramos -a tradicional bombona de butano- non se atopa liberalizado. O seu valor revísase bimestralmente o terceiro martes do mes, por Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.

A Real Decreto-Lei 11/2022, do 25 de xuño, limitou o prezo máximo da bombona de butano entre 8 e 20 quilogramos a 19,55 euros, medida que a Real Decreto-lei 8/2023 prorrogou o pasado mes de decembro ata o 30 de xuño de 2024. Este prezo máximo alcanzouse por última vez na revisión do 19 de setembro de 2022. O gas licuado de petróleo envasado é unha mestura de hidrocarburos, principalmente composta de butano, que serve como alternativa ao gas natural para o seu consumo enerxético en envases a presión, especialmente en poboacións ou núcleos urbanos sen conexión á rede de gas natural.

Consumo actual

Na actualidade, anualmente consómense 64,5 millóns de envases de GLP de distintas capacidades. Trátase dun combustíbel en retroceso: desde 2010 até 2021, o consumo total de GLP envasado descendeu máis de 25%.

Comentarios