O BNG sae á rúa contra a “colonización financeira” de Galiza

Con concentracións en todo o país, o BNG saíu á rúa na defensa do sector financeiro galego, contra a colonización financeira e pola creación dunha Banca Pública Galega. 

NGB
photo_camera NGB

Contra o “espolio do aforro galego” o BNG ás rúas en oito concentracións após o anuncio da venda de NGB ao banco privado venezuelano Banesco. A organización nacionalista reclamou nun comunicado final a investigación da fiscalía do proceso de venda, o mantemento dos postos de traballo, a devolución dos cartos de preferentes e subordinadas, o inicio da recuperación do control galego sobre NGB e a creación da Banca Pública Galega. 

Para a organización nacionalista, o día 18 de decembro pasa á historia do país, infelizmente, como o día “en que Madrid decidiu que Galiza perdera o control definitivo da principal entidade financeira que quedaba en pé e que xestiona o 40% do noso aforro”. 

O “agasallo” do FROB e o Goberno Central de NGB a Banesco pola cantidade “irrisoria” de 1.000 millóns en cómodos prazos supón, para o BNG unha posición de grande irreponsabilidade por parte dun presidente da Xunta que mostrou a súa satisfacción polo fin do proceso. “Sen sistema financeiro propio non hai condicións para o desenvolvemento da economía produtiva, nin tampouco do poder político propio”sinalaron no comunicado que se leu no fin das concentracións. 

Como “traizón aos intereses do país” cualificaron a “liquidación do noso sistema financeiro, consumando a nosa colonización financie ira”. Ao seu ver, foi precisamente a presión do nacionalismo a que conseguiu que non se optara por outras das opcións, as da banca española, trunfaran, moito máis prexudiciais aínda para o destino da entidade xa que suporía, entre outras cousas, un maior número de despedimentos. 

Perda de oportunidade e intervención da fiscalía 

“Coa perda de control de NGB perdemos o control do 40% do noso aforro, perdemos a oportunidade de crear unha banca publica galega e perdemos 8.200 millóns de euros de todas e todos os contribuíntes”, sinalan desde a organización nacionalista nunhas concentracións nas que, entre outras, se corearon consignas como “Isto non pasaría con soberanía” ou “Non ao espolio do pobo galego”. 

Reclamaron, máis unha vez, a intervención da fiscalía cunha investigación contra os directivos do FROB e o ministro de Guindos debido á “evidencia de desbalde de recursos públicos, xestión neglixente, prevaricación e malversación de fondos públicos, de todas e todos nós”. Esixiron tamén a conservación dos postos de traballo, o compromiso de devolución íntegra dos aforros estafados por preferentes e subordinadas e tamén o inicio do traballo por parte do Goberno galego para recuperar o control galego sobre NGB. Entre os obxectivos políticos en materia financeira, o BNG volveu defender a creación dunha Banca Pública Galega

 

comentarios