Após a venda de NGB, Vence di que Galiza tería banca pública por apenas 400ME

O portavoz nacional do BNG pediu a demisión do presidente da Xunta por ser "cómplice compracente" dos intereses de Madrid e da banca internacional. A organización frontista convoca concentracións nas cidades do país esta sexta feira. Hora e emprazamentos no interior. 

Xavier Vence [M.Montero]
photo_camera Xavier Vence [M.Montero]

Após o anuncio da venda de NGB ao banco privado venezuelano, Banesco, o líder da organización frontista considerou esta data como "un día triste para Galiza" porque dixo, "perdeu o seu sistema financeiro" e a súa oportunidade de ter "unha banca pública por tan só 400 millóns de euros". 

Desde o BNG inisisten en que a Fiscalía estude o proceso de toma de decisións e o prego de condicións que deveu na venda da entidade financeira a Banesco perante un posíbel delito de "prevaricación" e "malversación", pois din, fíxose "no peor momento" e suporá unha "perda inxustificada" de 8.000 millóns de euros para @s contribuíntes. 

Demisión do presidente da Xunta 

Aliás, demandou a demisión do presidente da Xunta pola súa "indolencia" face o desmantelamento do sistema financeiro galego. “Se non é quen de defender o país, debe dimitir, toda vez que xa ten abandonado Galiza nas mans de De Guindos e de Madrid”, denunciou Vence.

Vence: "Se [Feijóo] non é quen de defender o país, debe dimitir"

Fronte as gabanzas de Alberto Núñez Feijóo, que ve na venda de NGB o mellor negocio posíbel para Galiza, no BNG din non se conformaren coa "teoría do mal menor" e exixen a posta en funcionamento dun Instituto Oficial de Crédito que inxecte crédito "ás empresas e ás familias" galegas, sen renunciar, subliñou Xavier Vence, á "recuperación da entidade nun futuro" pois, afirmou, "pode facerse se hai vontade política e o BNG ten esa vontade". 

Tamén así, desde a organización frontista lanzaron un chamamento á sociedade para se mobilizar perante as oficinas de NGB nas principais cidades galegas e lanzar unha "mensaxe clara" de que "non hai sitio para se resignar". 

Horas e emprazamentos das concentracións convocadas:

  • Ourense (20.00), Sede central de NGB (R/ do Paseo, 6)
  • Pontevedra (20.00h), Centro Social NGB (R/ Augusto Glez. Besada, 2)
  • Vigo (20.00h), Sede central NGB (R/ García Barbón, 1)
  • Vilagarcía de Arousa (20.30h), Oficina principal de NGB (Praza de Galiza)
  • A Coruña (20.30h), Sede central NGB (R/ Nova, 30)
  • Compostela (20.00h), Oficina principal NGB (Praza Galiza con R/ Montero Ríos)
  • Ferrol (20.00h), Oficina principal NGB (R/ Galiano, 4-6)
  • Lugo (20.30h), Oficina principal NGB (Praza Maior)

Comentarios