Os bancos xa non poderán cobrar comisións a persoas maiores e con discapacidade por retirar efectivo en persoa

O diñeiro en efectivo constitúe o medio de pagamento máis utilizado para 74% das transaccións dos maiores de 65 anos.
#caixeiro #banca #banco #bancaria (Foto: Europa Press)
photo_camera Para estes colectivos, "a retirada de efectivo no portelo supón un servizo de pago básico, que é urxente e necesario garantir". (Foto: Europa Press)

Os bancos non poderán cobrar comisións desde esta sexta feira, 29 de decembro, por retirar efectivo no portelo a persoas maiores de 65 anos e persoas con discapacidade igual ou superior a 33 %, tras a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do chamado decreto 'anticrise' aprobado polo Consello de Ministros. A medida executouse a través da modificación do artigo 35 do Real Decreto-lei 19/2018, do 23 de novembro, de servizos de pagamento e outras medidas urxentes en materia financeira.

No texto do decreto de medidas anticrise considérase "urxente e necesario" modificar a lexislación financeira para reforzar a protección dos máis vulnerábeis, "tendo en conta a importancia do [diñeiro] efectivo, que constitúe o medio de pago máis utilizado para 74% das transaccións dos maiores de 65 anos, e as dificultades que experimentan determinados colectivos para a retirada de diñeiro en caixeiros automáticos, xa sexa por dificultades de accesibilidade física ou pola fenda dixital".

Aliás, lémbrase que neste sentido se pronuncia o informe de seguimento sobre a accesibilidade presencial aos servizos bancarios no Estado español de 2023 do Banco de España, que identifica como vulnerábeis en termos de acceso ao efectivo determinados colectivos que se caracterizan por presentaren idades avanzadas e baixas capacidades dixitais. Para estes colectivos, "a retirada de efectivo no portelo supón un servizo de pago básico, que é urxente e necesario garantir nun contexto de evolución tecnolóxica acelerada dos servizos bancarios".

O texto do decreto fai alusión, ao "avance" que supuxo o Protocolo Estratéxico para Reforzar o Compromiso Social e Sostíbel da Banca, subscrito en xullo de 2021 para garantir a atención dos colectivos vulnerábeis, que inclúe medidas como a prestación de servizos en portelo a estes colectivos, incluíndo a retirada de efectivo nun horario ampliado, no que se pon de manifesto que a utilización dos caixeiros automáticos pola clientela maior ou con necesidades especiais vén determinada frecuentemente polas comisións estabelecidas para o uso do portelo.

"Moitas entidades aplican comisións máis altas que as aplicábeis en caixeiro e outras entidades aplican unha determinada franquía de tres, catro ou cinco operacións gratuítas mensuais, a partir da cal as operacións en portelo cóbranse", recolle o decreto. Por iso, continúa o texto do decreto publicado no BOE, a cobranza de comisións pola retirada de efectivo en portelo continúa sinalándose polos principais representantes dos usuarios bancarios e de maiores como unha de "as grandes dificultades a que se enfrontan para acceder a este servizo, esencial para a súa inclusión financeira".

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) expresou a súa satisfacción pola medida que "obedece ás demandas conxuntas dos sectores asociativos de persoas maiores e con discapacidade que invocaban a condición de consumidores vulnerábeis destes dous grupos de poboación para solicitar medidas de protección reforzada contra a exclusión financeira".

Comentarios