Expertas explican a 'Nós Diario' os porqués da exclusión financeira

"Á banca non lle interesan os maiores como clientes"

As persoas maiores están no centro do proceso de reestruturación bancaria. As mobilizacións das últimas semanas son a expresión do malestar dun colectivo que, segundo defenden persoas expertas, non interesa ao sector. Isto débese á posibilidade de financiarse barato no BCE con tipos de xuro próximos a cero.

A Coruña
Exterior Abanca (Cantón Grande). Ana Pontón () participa en el acto simbólico de denuncia de la exclusión financiera en Galicia.
01/02/2022
Foto: M. Dylan / Europa Press
photo_camera Acto simbólico de denuncia da exclusión financeira na Galiza. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

"Á banca non lle interesan os maiores como clientes. Podendo financiarse cos tipos de interese tan baratos que marca o Banco Central Europeo (BCE), o perfil desexado de clientes non son aforradores senón investidores", sinala a Nós Diario a responsábel do sector bancario da CIG, Rosa Conde, quen lembra que "o obxectivo principal das entidades é maximizar os beneficios e nesa lóxica reducen a rede comercial e o persoal pero tamén se especializan nunha tipoloxía de cliente".

Conde indica que "as entidades bancarias levan anos tentando transformar os aforradores en investidores". Neste sentido, asegura que "os traballadores sofren presión para conseguir obxectivos" e malia que "a normativa MIFI non permite fixar obxectivos comerciais sobre produtos complexos, o que fan as entidades é crear un produto e ofrecerllo a diferentes perfís de clientes, que nalgún caso carecen dos coñecementos financeiros suficientes para mercalo". "A CIG leva anos denunciando esta práctica porque pode crear un problema grave como aconteceu coas preferentes", conclúe Conde.

"As direccións das entidades consideran que nun contexto de tipos negativos e cunha barra libre de financiamento por parte do BCE os aforros non son relevantes no seu modelo de negocio", comenta a Nós Diario o dirixente da federación da banca de Comisións Obreiras, Jorge Villarino, quen lembra que a patronal bancaria entende que "as persoas maiores aportan unha tipoloxía de negocio moi definida porque son remisos a operacións financeiras e a contratar produtos de investimento. Desde o punto de vista das entidades, os clientes que non son capaces de autoxestionarse non xeran valor engadido".

Villarino expresa a súa "preocupación" polo "clima social e as críticas contra o sector, como consecuencia do aumento da exclusión financeira e a deterioración do servizo personalizado. Unhas críticas que acaban recaendo tamén, de forma inxusta, nuns cadros de persoal que levan anos dando exemplo de profesionalidade malia verse sometidos a un proceso permanente de reestruturación e cambios". Neste sentido, critica que se cuestione "o papel que xogaron, xogan e seguirán xogando os cadros de persoal no sostemento do sector e na vinculación coa clientela, coa que se traballou sempre desde a profesionalidade, o compromiso e a confianza".

"Os maiores como clientes habituais non interesan. O negocio hoxe non está en prestar diñeiro, tendo en conta os tipos de interese, senón nas operacións que xeran comisións ou na venda de determinados produtos, desde seguros de coche até outros máis complexos", afirma a Nós Diario a profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Cadaval, quen destaca que "os maiores son atractivos para o negocio tradicional da banca, que representa moi pouco na operativa das entidades, pero non resultan atractivos para os novos nichos de negocio".

Cadaval entende que "o modelo é irreversíbel malia o que representan no capital das entidades os maiores de 65 anos" e ten "pouca confianza" de que se resolva "se non hai unha posición seria por parte do BCE e dos poderes públicos".Nesta liña, sinala que "tan importante é que as entidades financeiras se adapten aos requisitos de Basilea III como dar cumprimento ao mandato da Directiva 2014/92/UE do Parlamento europeo de acceso ás contas de pago básicas, trasposta o 24 de novembro do 2017 ao Estado español a través do Decreto-lei 19/2017, do que ninguén fala". Pon de manifesto que "estas contas de pago básicas foron deseñadas por Europa para que a dixitalización non xere exclusión por condicións socioeconómicas, como de feito está a suceder".

Comentarios