O Banco de España rebaixa as previsións de alza de prezos: a inflación subiría 2,7% este ano e 1,9% o seguinte

O Banco de España deu a coñecer esta terza feira as súas novas previsións económicas para o conxunto do Estado español.
Ángel Gavilán, director xeral de Economía do Banco de España (Foto: Ángel Gavilán, director xeral de Economía do Banco de España.).
photo_camera Ángel Gavilán, director xeral de Economía do Banco de España (Foto: Ángel Gavilán, director xeral de Economía do Banco de España.).

O Banco de España deu a coñecer esta terza feira as súas novas previsións económicas para o conxunto do Estado español, elevando tres décimas porcentuais o seu prognóstico de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) desde 1,6% até 1,9% e mantendo as súas estimacións para 2025 e 2026 en 1,9% e 1,7% respectivamente.

Por outra parte, polo lado dos prezos, as previsións do Banco de España tamén son máis favorábeis. En concreto, revisou á baixa en seis décimas porcentuais a inflación xeral media que se proxecta para 2024, de 2,7%. Ademais, rebaixou nunha décima porcentual a previsión de inflación en 2025 (1,9%) e en dúas décimas a de 2026 (1,7%). 

O organismo espera que a inflación subxacente se desacelere gradualmente durante o próximo trienio, cunha taxa media de 2,2% en 2024, de 1,9% en 2025 e de 1,8% en 2026. En canto aos prezos dos alimentos, o Banco de España estima que prolongarán a súa moderación ao longo do horizonte de proxección, dada a diminución dos custos de varios dos seus insumos produtivos máis importantes, como a enerxía e os fertilizantes.

Así mesmo, a institución considera que a extensión da rebaixa do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) dalgúns alimentos básicos até xuño de 2024 contribuirá a conter os seus prezos na primeira metade do ano, aínda que os premerá levemente á alza no segundo semestre.

Contexto internacional

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) de Alemaña situouse en febreiro en 2,5% interanual, catro décimas porcentuais por baixo do dato de 2,9% rexistrado en xaneiro e a menor suba dos prezos desde xuño de 2021.

Pola contra, o IPC dos Estados Unidos situouse en 3,2% interanual en febreiro, o que implica unha aceleración dunha décima porcentual respecto ao dato de xaneiro. Esta evolución podería implicar que a Reserva Federal free a baixada de tipos que comezou na súa última reunión, algo que tamén podería influír nas decisións do Banco Central Europeo (BCE) ao respecto.

Comentarios