Varias das grandes economías da UE sufrirán unha caída dos PIB en 2024

Alemaña, Francia, Italia e os Países Baixos experimentarán descensos.
Un home vestido de moeda de 1 euro paseando por Frankfurt, sede do BCE. (Foto: Frank Rumpenhorst / DPA)
photo_camera Un home vestido de moeda de 1 euro paseando por Frankfurt, sede do BCE. (Foto: Frank Rumpenhorst / DPA)

A Comisión Europea prevé para 2024 unha expansión económica na zona euro de 0,8% e na Unión Europea (UE) de 0,9%. Con todo, os prognósticos foron revisados á baixa en varias das grandes economías da UE, cun descenso do produto interior bruto (PIB) en Alemaña (-0,5%), Francia (-0,3%), Italia (-0,2%) e os Países Baixos (-0,7%).

Estes datos supoñen unha rebaixa das expectativas de expansión a respecto de novembro, cando Bruxelas apuntaba a unha suba de 1,2% na zona euro e de 1,3% na UE tras evitar "por pouco" a recesión técnica en 2023, cando a expansión económica se situou en 0,5%, unha décima porcentual por baixo do estimado no outono.

En canto ás perspectivas para o ano 2025, espérase que a economía na zona euro creza 1,5%, unha décima porcentual menos que o previsto en outono, e que se manteña en 1,7% na UE.

Na parte positiva, o Executivo comunitario revisou á baixa as previsións de inflación para o ano 2024, que pasan de 3,2% a 2,7% na eurozona e de 3,5% a 3% na UE respecto aos prognósticos ofrecidos por Bruxelas en novembro, unha senda descendente que se espera que continúe tamén o ano seguinte.

Así, a previsión de crecemento para o Estado español en 2024, de 1,7%, sitúase por encima das estimacións tanto da zona euro como da UE. Ademais, Bruxelas espera que a inflación estatal, de 3,2%, tamén sexa superior.

Declive do Xapón

O PIB do Xapón entrou en recesión técnica no cuarto trimestre de 2023, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Goberno nipón. A caída provocou que o Xapón ceda a Alemaña o terceiro posto entre as maiores economías a nivel mundial.

Comentarios