Gráficos

O abaratamento da luz modera o IPC seis décimas en febreiro, até 2,8%, e a inflación subxacente baixa a 3,4%

Co retroceso do IPC interanual no segundo mes do ano, a inflación volve rexistrar descensos despois da repunta de xaneiro.
Evolución anual e mensual do IPC estatal sobre unha imaxe dunha froitaría. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera Evolución anual e mensual do IPC estatal sobre unha imaxe dunha froitaría. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu até 0,3% en febreiro en relación ao mes anterior no conxunto do Estado español, pero recortou seis décimas a súa taxa interanual, até o 2,8%, debido ao abaratamento da electricidade e á estabilidade dos prezos dos alimentos, segundo os datos avanzados esta quinta feira polo INE, que precisa que, na liña oposta, en febreiro subiron os prezos dos carburantes.

Co retroceso do IPC interanual no segundo mes do ano, a inflación volve rexistrar descensos despois da repunta de xaneiro e sitúase no seu nivel máis baixo desde o pasado mes de agosto, cando alcanzou o 2,6%. Ademais, a inflación baixou en febreiro da barreira do 3% tras cinco meses consecutivos por riba desta cota.

 

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en febreiro baixou dúas décimas, até o 3,4%, taxa seis décimas superior á do IPC xeral. O INE publicará todos os datos definitivos do IPC de febreiro o próximo 14 de marzo.

O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, celebrou nun vídeo difundido polo Ministerio que a moderación da inflación ao 2,8%, por baixo de 3% por primeira vez nos últimos seis meses, foi así grazas á evolución á baixa dos prezos da electricidade e a estabilidade nos prezos dos alimentos.

Ademais, o responsábel de Economía destacou que a inflación subxacente fica en 3,4%, o dato máis baixo nos últimos dous anos. Isto está a permitir, segundo o ministro, que os fogares recuperen poder adquisitivo e as empresas, competitividade. "Facemos por tanto compatíbel a moderación dos prezos co mantemento do escudo social e o apoio aos fogares e familias máis necesitadas", remarcou Cuerpo.

Comentarios