A banca estatal reduciu 42% o seu persoal desde o ano 2008

A gran banca do Estado español experimentou beneficios récord en 2023, chegando no caso de Abanca, a entidade con maior implantación na Galiza, a triplicar as ganancias. A pesar diso, segundo denunciou esta terza feira a Asociación de Usuarios Financeiros (Asufin), o sector leva reducindo o seu persoal e os seus servizos de forma continuada desde 2008.
A presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín (Imaxe: Europa Press).
photo_camera A presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín (Imaxe: Europa Press).

Asufin denunciou esta terza feira que a banca española reduciu o seu persoal 42% entre os anos 2008 e 2023, ao tempo que recortou a rede de oficinas 61,5%. Neste sentido, a organización sinalou que os datos "non expoñen un escenario fácil", ao confirmar a tendencia á baixa nas ratios de persoal, oficinas e caixeiros por habitante. 

Na Galiza, a porcentaxe de perda de oficinas desde 2008, neste caso segundo datos do Banco de España e con rexistros até setembro de 2022, foi de 59,6% tras o fechamento dun total de 1.513 sucursais. Ademais, entre 2018 e 2022, todos os grandes bancos destruíron emprego na Galiza, sendo o Santander o que máis, cunha redución do persoal de 35,8%.

Todo isto nun contexto no que, en 2023, as cinco entidades bancarias máis grandes do Estado obtiveron un beneficio récord, cunhas ganancias conxuntas de 26.088 de millóns de euros. Pola súa parte, o sétimo banco máis grande a nivel estatal, Abanca, que é o que maior implantación ten na Galiza, triplicou en 2023 os seus beneficios da anualidade anterior, alcanzando o seu récord histórico de ganancias, con máis de 711 millóns de euros.

A situación laboral levou os sindicatos CIG e ASCA a convocar unha xornada de folga en Abanca o 11 de xaneiro, co fin de reclamar medidas coas que compensar a "brutal" perda de poder adquisitivo. Xunto a isto, tamén denunciaron a "destrución" de emprego, cun aumento da temporalidade "a través da utilización de contratos en prácticas para a cobertura de postos estruturais".

Segundo expuñan na altura, os salarios do convenio que agrupa os bancos nados das antigas caixas, entre eles Abanca, aumentaran 5,1% desde 2010, nun período no que o custo da vida subiu 27,1%. Despois do pulso sindical, a entidade anunciou o 27 de xaneiro unha suba de 8% nos salarios a todo o cadro de persoal e a apertura de negociacións para falar do resto das reivindicacións. 

Habitantes por oficina

Segundo Asufin, entre 2008 e 2023 os cadros de persoal dos bancos estatais reducíronse en 113.855 persoas, mentres que a rede de sucursais recortouse en 28.125. "De ter que atender uns 1.000 habitantes por oficina a ter que atender 2.742, e con menos empregados, case a metade", laiouse a asociación.

Ademais, os caixeiros tamén se reduciron a nivel estatal, case 30%, pasando de 61.714 en 2008 aos 43.620 que existen na actualidade. Neste contexto, a organización denunciou unha dixitalización "a dúas velocidades" e requiriu que "non deixe a ningún usuario de banca atrás, excluído".

"Non só porque nos atopamos con colectivos aos que hai que prestar atención por motivos diversos, como nos casos de diminución das capacidades cognitivas ou obstáculos físicos, así como nos casos de maiores ou discapacidades, senón porque existen núcleos poboacionais baleirados onde non é posíbel atopar puntos de atención bancaria", concluíu.

Comentarios