xoves 04/03/21

As axencias de viaxes reclaman á Xunta axudas directas para subsistir

A Asociación Galega polos Dereitos das Axencias de Viaxe (Agadav) lembra que o sector traballa con moitas limitacións desde marzo de 2020 pola pandemia e que as novas medidas do Goberno galego implica “o cesamento de toda actividade” polo menos até febreiro.

Imaxe de arquivo dunha protesta do sector en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Imaxe de arquivo dunha protesta do sector en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

As axencias de viaxes queren ser tratadas en igualdade de condicións que outros sectores como pode ser a hostalaría. O sector considérase un dos grandes prexudicados pola pandemia da Covid-19 e entende que a Xunta non está a atender as súas demandas. Por iso, esta quinta feira a Asociación Galega polos Dereitos das Axencias de Viaxe (Agadav) volveu exixir unha liña de axudas para poder subsistir.

O colectivo criticou que o Executivo galego anunciara esta semana novas restricións que supoñen o feche de todos os negocios polo menos até febreiro sen contemplar a posta en marcha dunhas subvencións para paliar as perdas que levan a sufrir desde marzo de 2020.

A través dun comunicado, a presidenta de Agadav, Mar Moreira, destacou que as novas prohibicións fan que teñan que parar a actividade, algo que vén a sumarse aos problemas que teñen para vender desde principios do ano pasado debido a que apenas se pode viaxar.

Malia esa problemática engadida “o sector non está contemplado” dentro das axudas anunciadas por Alberto Núñez Feixoo.

“Levamos reclamando axudas directas ao noso sector desde o inicio desta pandemia, obtendo cero respostas desde o goberno da Xunta, non nos contemplan como sector afectado dentro destas novas limitacións, sendo a mobilidade o noso produto”, lamentaron.

De feito, denunciaron que un anuncio do vicepresidente Alfonso Rueda que se presentaba como un salvavidas para o sector turístico só reserva “400.000 euros a dividir entre as máis de 600 axencias”. Ademais, terían que dedicarse a “facer fronte aos seguros obrigatorios que condicionan a vixencia das licenzas” de actividade.

Aliás, segundo Moreira, hoxe mesmo non teñen noticia de como poden solicitar ese apoio económico malia que as facturas xa chegaron. Por iso, senten que están “totalmente esquecidas e desamparadas pola Xunta”.

comentarios