Aumentan até 54% os fogares que non chegan a fin de mes

Empeora a situación económica segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Posto de venda no mercado de Lugo (Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera Posto de venda no mercado de Lugo (Carlos Castro/ Europa Press)

Aumentan os fogares galegos que chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes e dispáranse no segundo trimestre até acadar 54%, un aumento de 20 puntos máis que no mesmo período de 2019 (34,5%), segundo os datos que publicou esta quinta feira 2 de xullo o Instituto Galego de Estatística (IGE). En concreto, 46,89% dos fogares chega con dificultade, mentres que 7,15% faino con moita dificultade no segundo trimestre. En cambio, só 45,96% remata o mes con facilidade ou moita facilidade.

En comparación cos primeiros tres meses de 2020, os fogares con dificultades aumentan en sete puntos após o impacto da pandemia na Galiza. Esta circunstancia non pasaba desde o primeiro trimestre de 2018.

Familias sen saídas nin gastos extra

A pandemia trouxo unha situación extrema que, segundo o IGE, fixo que 40% dos fogares non se permitise ningún gasto extra no últimos tres meses. Ademais, 10,5% das familias tivo que mudar hábitos e pasar ás marcas brancas ou produtos en oferta máis económicos, á vez que 10% diminuía gastos comúns como roupa e calzado.

Un dato que define ben esta situación é o das persoas que teñen pensado saír cear, de cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos vindeiros meses que pasan de ser 61,2% hai un ano a ser 19,4% agora. Nas viaxes a baixada é aínda maior, xa que só 2,85% pensa saír fóra da Galiza cando hai un ano era 16%. Ademais, coa actual situación económica poucas familias poden aforrar. Neste aspecto só 34,5% reservarán diñeiro nos próximos tres meses fronte a 41,3% dun ano antes. Por último, o índice de confianza consumidora na Galiza caeu en tres meses case 32 puntos.

Comentarios