Audiencia Nacional admite a trámite a impugnación do ERE en Paradores

A petición, asinada polos sindicatos CIG, CUT e CGT, deixa na corda frouxa a legalidade dos 35 despedimentos que se produciron na Galiza, 12 deles no compostelán Hostal dos Reis Católicos

photo_camera [Imaxe: CUT Galiza]


Cando faltaba media hora para saír "chamounos ao despacho e foinos botando, un a un, como a cans". Quen así fala é Carmela Novo, camareira de pisos no compostelán Hostal dos Reis Católicos desde hai 42 anos e medio e que o 30 de xaneiro asinou a súa liquidación, ao igual que outr@s once traballador@s. Foi a primeira consecuencia do ERE aplicado pola empresa Paradores cuxa impugnación, reclamada polos sindicatos CUT e CIG, vén de ser admitida a trámite na Audiencia Nacional española. 

Así as cousas, as dúas centrais responsabilizan directamente a CC OO e UGT da "burla de negociación" dirixida desde Madrid e de asinaren "sen lexitimidade" un expediente de regulación que deixou na rúa 35 traballador@s en toda a Galiza. Porén, nunha entrevista en Sermos Galiza co gallo da súa reelección á fronte da secretaría xeral de CC OO, Xosé Manuel Sánchez Aguión sinalou que achacarlle a este sindicato unha actuación en conivencia coa patronal "é unha barbaridade" e cualificou como "positiva" a negociación coa empresa Paradores por ter conseguido que "non pechan todos os que estaban previstos". Así mesmo, acrecentou que "os acordos poden valorarse" mais "o obxectivo é asinalos".

Traballador@s coñeceron o ERE pola imprensa

Aquel 30 de xaneiro "foi día de cartas", recordou Xesús González, camareiro do Hostal e sindicalista da CUT. A empresa comunicou uns despedimentos que o comité de empresa coñeceu pola imprensa "sen saber nin os motivos nin os criterios que se alegan", indicou Aitor Sebio, da CIG. "O noso convenio temos que o negociar nós, non nolo poden impoñer desde fóra", queixouse Xesús González, quen acrecentou que a outras 12 persoas podería serlles aplicada unha redución de xornada. 

"Traballarían 4 horas en xaneiro e febreiro, 6 horas en marzo, abril e maio, 8 horas no verán...", unha posibilidade que os dous sindicatos rexeitan taxativamente. "Sería mellor que traballasen nove meses e os outros tres fosen ao paro porque cando menos así as familias saberían a que se ateren". 

Discriminación en favor "das grandes centrais" CC OO e UGT

CUT celebrou a admisión a trámite do escrito de impugnación que tamén subscribe CIG no caso dos Reis Católicos e CGT en relación a outros paradores da Galiza onde se produciron despedimentos. Para alén de se pronunciar o tribunal español sobre o ERE, consideran que "a impugnación xudicial poría de relevo que a lexislación laboral discrimina" en favor "das grandes centrais sindicais estatais", en referencia a CC OO e UGT, "suxeitos negociais moito máis amábeis ao ditado do capital" e "máis preocupadas en xustificar situacións económicas negativas das empresas" que nos dereitos da clase obreira. 

"A eles non lles importan as nosas condicións", dixo Carmela Novo en relación á patronal Paradores. Ela, que en abril fará os 60 anos, coida da súa nai e do seu compañeiro, enfermo de cancro. Conta que xa na primeira fin de semana após os despedimentos "contrataron por horas non sei canta divina xente" e recalcou que "aquí non sobraba ninguén. Este parador non ten perdas. Porén, o goberno aproba leis contra os obreiros e os empresarios aprovéitanse". Novo foi ao desemprego sen saber aínda se poderá xubilarse.

Comentarios