Así che afectarán as novas medidas fiscais anunciadas polo Goberno estatal

O Executivo español anunciou esta quinta feira un novo paquete fiscal co que pretende  recadar 3.144 millóns de euros adicionais. Coas novas medidas, aumentaranse os impostos sobre as rendas altas no IRPF e sobre as grandes empresas no Imposto de Sociedades. O Goberno estatal tamén propón favorecer rendas medias e baixas, pequenas empresas e persoas traballadoras por conta propia. 
 
A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero, esta quinta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero, anunciou esta quinta feira que o novo imposto ás grandes fortunas gravará a riqueza neta superior aos 3 millóns de euros, mentres que as rendas do capital tributarán máis no IRPF a partir de 200.000 euros. 

Montero, que compareceu en rolda de prensa, indicou que o novo imposto aplicarase en 2023 e 2024 e constará de tres tramos: entre 3 e 5 millóns de riqueza neta pagarase 1,7%, entre 5 e 10 millóns 2,1%, e por riba de 10 millóns 3,5%.

Con este novo tributo, que se estima que afectará a 23.000 persoas contribuíntes (0,01% do total), o Goberno estatal espera recadar 1.500 millóns de euros. O novo tributo evitará a dobre imposición, posto que a cota abonada polo Imposto de Patrimonio ás autonomías será deducíbel da carga fiscal.

IRPF

Ao mesmo tempo, o Executivo estatal elevará un punto, até 27%, a tributación das rendas do capital no IRPF superiores a 200.000 euros, e para as plusvalías superiores a 300.000 euros, elevarase até 28%, dous puntos máis. Con estas medidas, que afectarán a 17.814 contribuíntes, espera recadar 204 millóns de euros.

Xunto con esta suba ás rendas altas, o Goberno español aprobará medidas no IRPF para favorecer as rendas medias e baixas, elevando até 21.000 euros o beneficio fiscal que se aplica nas rendas de até 18.000 euros. Esta medida beneficiará 50% das persoas contribuíntes.

Así mesmo, as rendas do traballo a partir de 15.000 euros (1.000 euros máis que agora) estarán exentas do pago do IRPF. Tamén neste imposto, elevarase 5% o rendemento neto de módulos para os autónomos e incrementarase de 5 a 7% a redución para gastos deducíbeis de difícil xustificación na tributación en réxime de estimación directa simplificada. Unha medida que beneficiará, segundo as estimacións, máis de 577.000 persoas empregadas por conta propia.

Imposto de Sociedades

O paquete fiscal presentado esta quinta feira por Montero inclúe cambios no Imposto sobre Sociedades. En concreto, rebáixase o tipo nominal de 25 a 23% para as pequenas empresas cunha cifra de negocios inferior a 1 millón de euros. 

O impacto económico é de 292 millóns e favorecerá máis de 400.000 empresas. Igualmente, neste tributo limitarase até 50% a posibilidade de compensar as perdas das filiais nos grupos consolidados, que afectará a 3.609 grandes empresas e terá un carácter temporal. Con esta actuación, Facenda espera recadar 2.439 millóns entre os exercicios 2023 e 2024.

IVE

Ademais, no IVE, baixarase o tipo de 10 a 4% para os produtos de hixiene feminina. Pola contra, no paquete non entrará a redución nos produtos para celíacos. Por outra parte, Montero descartou deflactar os impostos, posto que, segundo explicou, iso afectaría aos ingresos do Estado provenientes das rendas altas. Entre as subas e as baixadas impositivas, o Goberno español pretende recadar 3.144 millóns adicionais. 

As medidas impositivas anunciadas por Montero podían ter chegado antes, mais segundo explicou esta quinta feira a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo do Executivo español, Yolanda Díaz, o atraso do paquete de medidas debeuse a un desacordo en determinadas medidas, como por exemplo "a necesaria harmonización fiscal entre comunidades autónomas" defendida por Díaz. 

Sobre esta proposta da vicepresidenta segunda, para unha harmonización fiscal entre as autonomías, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recalcou esta quinta feira que é outra "rectificación sobre rectificación". Así mesmo, sobre a posibilidade de que desenvolva esta iniciativa, Rueda defendeu que a Xunta exerce a súa competencia fiscal "con sentidiño" e reivindicou "a capacidade para seguir facéndoo".

Comentarios